A conselleira Martínez Allegue destaca que “Valdecorvos é a construción que queremos para a vivenda protexida en Galicia: moderna, sostible e accesible "
María M. Allegue subliñou o impulso da Xunta a este barrio de Pontevedra, “onde temos adxudicadas 132 vivendas protexidas e xa estamos a construír 74 de promoción pública”
Avanzou que o Goberno galego está “a piques de adxudicar a redacción de proxecto doutras 104 vivendas neste barrio, para o que xa se presentaron un total de 33 ofertas”
Sinalou que a Xunta está á espera da cesión por parte do Concello do solo dunha nova parcela onde está prevista a construción doutras 48 vivendas de promoción pública
Remarcou que Valdecorvos sumará máis de 500 vivendas protexidas: 358 de promoción pública e 157 de protección autonómica promovidas pola iniciativa privada
No ámbito das infraestruturas, puxo en valor o Hospital Público Novo Montecelo, cun investimento de máis de 170M€ e cuxas obras da 1ª fase superan o 80% da execución
Salientou as melloras proxectadas para as estradas Vilagarcía-Campañó ou a PO-308 entre A Seca e Combarro; e a senda Mollabao-Praceres, cuxas obras comezarán nos vindeiros días
Pontevedra, 26 de setembro de 2024
A conselleira Martínez Allegue destaca que “Valdecorvos é a construción que queremos para a vivenda protexida en Galicia: moderna, sostible e accesible”.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, pronunciou a conferencia ‘Construír. Habitar. Conectar’, no encontro organizado polo Foro Empresa Pontevedra, ao que tamén asistiu o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
No eido da vivenda, subliñou o impulso que a Xunta está a dar ao barrio de Valdecorvos, en Pontevedra, “onde temos adxudicadas 132 vivendas protexidas e xa estamos a construír outras 74 de promoción pública”.
Avanzou que o Goberno galego está “a piques de adxudicar a redacción de proxecto doutras 104 vivendas neste barrio pontevedrés, para o que xa se presentaron un total de 33 ofertas”.
Sinalou que ademais a Xunta está á espera da cesión por parte do Concello de Pontevedra do solo dunha nova parcela onde está prevista a construción doutras 48 vivendas de promoción pública.
Neste sentido, remarcou que Valdecorvos sumará máis de 500 vivendas protexidas: 358 de promoción pública e 157 de protección autonómica promovidas pola iniciativa privada.
María M. Allegue tamén detallou neste foro as axudas que o Executivo autonómico ten en marcha como as dirixidas a promotores, cun investimento de máis de 14M€; ou as enfocadas á rehabilitación de vivenda e ás que poden acollerse os concellos de menos de 20.000 e de 50.000 habitantes, así como as subvencións para a compra ou alugueiro, destinadas aos mozos. Tamén se referiu ás achegas para mercar vivenda rehabilitada nos cascos históricos ou para adquisición de vivenda de promoción pública, así como as achegas para as actuacións nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), que no caso do municipio pontevedrés permitiron rehabilitacións en Estribela e o casco histórico.
No ámbito das infraestruturas, a conselleira puxo en valor o avance na execución do Hospital Público Novo Montecelo, cun investimento autonómico de máis de 170M€. Concretou que na actualidade xa está executada máis do 80% da 1ª fase desta actuación.
Lembrou que a Xunta tamén vén de licitar as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, cun orzamento de 19M€.
No que se refire ás estradas, salientou as melloras proxectadas para as estradas Vilagarcía-Campañó ou as actuacións na PO-308, coa senda que se executa no tramo entre a Seca e Combarro e as xa rematadas entre Covelo e Raxó, entre Portonovo e A Lanzada e nas travesías de Portonovo e Sanxenxo, así como a que se desenvolverá na entrada de Poio, na travesía da Barca. Tamén citou que as obras da senda Mollavao-Praceres comezarán nos vindeiros días.
M. Allegue fixo fincapé na importancia da colaboración das administracións públicas, como os concellos, pero tamén da iniciativa privada para avanzar na execución das actuacións proxectadas pola Xunta na área de Pontevedra.