A conselleira María M. Allegue reúnese con propietarios de vivendas afectadas polos lumes no concello de Cualedro
Allegue desprazouse a Lamalonga e Lucenza, onde escoitou aos veciños cuxos fogares se viron afectados polos incendios e coñeceu in situ os danos nas súas casas
Informou aos veciños das axudas activadas onte pola Xunta, que para as vivendas habituais poden acadar os 150.000€, coa achega destinada ao enxoval doméstico
A Xunta asumirá o alugueiro temporal, ademais dunha achega complementaria de ata 600€ máis para sufragar gastos derivados; e ademais os afectados poderán percibir a contía de xeito anticipado, o que permitirá acometer axiña as rehabilitacións das vivendas
Animou a achegarse a calquera das 16 oficinas habilitadas para pedir as axudas da Xunta e trasladou o compromiso a resolvelas canto antes
Verín (Ourense), 3 de setembro de 2025
A conselleira María M. Allegue reúnese con propietarios de vivendas afectadas polos lumes no concello de Cualedro.
A responsable autonómica de Vivenda, acompañada polo alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, desprazouse hoxe aos lugares de Lamalonga e Lucenza para coñecer de primeira man a situación dos veciños cuxos fogares se viron prexudicados polos incendios. No caso deste municipio, son 5 vivendas afectadas, unha delas habitual.
Allegue escoitou á veciñanza afectada e comprobou in situ os danos nas súas casas. Ademais, a conselleira explicoulles aos veciños as liñas das axudas activadas pola Xunta para que poidan reconstruír os seus fogares.
Cómpre lembrar que dende onte os cidadáns xa poden solicitar estas achegas da Xunta que para as vivendas habituais poden acadar os 150.000€, coa achega destinada ao enxoval doméstico. Estas subvencións son compatibles con outras coma as do Goberno central.
A Xunta tamén asumirá o alugueiro temporal, ademais dunha achega complementaria de ata 600€ máis para sufragar gastos derivados desta situación. Ademais, os afectados poderán percibir a contía de xeito anticipado, o que lles permitirá acometer axiña as rehabilitacións das vivendas.
A conselleira animou aos veciños a achegarse a calquera das 16 oficinas habilitadas, nas que recibirán asesoramento e información por parte de técnicos autonómicos e tamén colaboración para tramitar as peticións de axudas.
Trasladoulle á veciñanza o compromiso do Goberno galego para resolver todas as solicitudes canto antes.
Oficina en Verín
María M. Allegue, unha vez rematada a visita aos veciños de Cualedro, achegouse á oficina habilitada en Verín, na que tivo a oportunidade de coñecer o funcionamento da mesma e o traballo dos técnicos.
Nesta dependencia, situada na Oficina Rural de Verín, a conselleira recordou que a documentación a presentar polos damnificados é mínima, pois tan só deben acreditar a titularidade da vivenda, o seu destino habitual ou ocasional e a disposición dalgún seguro. Ademais, achegarán unha memoria técnica que valore os danos no inmoble, que será elaborada pola Xunta se o propietario así o desexa.