A conselleira María M. Allegue destaca o papel clave dos arquitectos “que contribúe á marca Galicia Calidade”

Allegue trasladou os parabéns da Xunta aos premiados, por unhas obras polivalentes que inclúen vivendas, rehabilitacións, deseños de interiores ou planificación urbana

Recordou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas colabora co sector para ordenar o territorio, construír vivendas ou recuperar o patrimonio

Detallou que a Xunta avanza no reto de duplicar nesta lexislatura o parque público para acadar 8.000 vivendas

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2025

A conselleira María M. Allegue destacou o papel clave dos arquitectos para acadar unha Galicia máis acolledora, cohesionada e preparada para os desafíos do futuro. “Co voso traballo -subliñou-, contribuídes de xeito moi notable á marca Galicia Calidade pola que todos avogamos”.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta tarde na entrega dos XXI Premios COAG de Arquitectura.

Trasladou os parabéns da Xunta aos premiados, por unhas obras que reflicten a polivalencia da arquitectura, ao contemplar vivendas, rehabilitacións, deseños de interiores ou mesmo planificación urbana e paisaxismo.

Agradeceu a labor dos arquitectos, un colectivo esencial para o desenvolvemento económico e social da comunidade. Neste sentido, recordou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas colabora co sector para  ordenar o territorio, construír vivendas ou recuperar o patrimonio, entre outras moitas accións.

Lembrou a colaboración en marcha co Colexio de Arquitectos de Galicia, a través do ‘Proxecto Terra’, que divulga a importancia do urbanismo e promove un uso sostible dos espazos habitados. Tamén o COAG achega os seus coñecementos no Observatorio da Vivenda de Galicia, con presenza no Pleno e participando nas seccións de Intermediación, Social e Técnica.

Puxo en valor a intensificación do traballo que está a facer a Xunta para facilitar o acceso á vivenda. Así, detallou que o Goberno galego segue avanzando no reto de duplicar o parque público para acadar 8.000 vivendas.

Apuntou que o Executivo autonómico está a activar medidas para que construír, rehabilitar e desenvolver solo residencial sexa máis áxil.

Premiados

Os premios do Colexio de Arquitectos recoñeceron 13 obras e proxectos en Carnota, Santiago, A Coruña, Gondomar, Porqueira, Porto do Son, Barro, A Pobra do Caramiñal, Xenebra (Suíza) e Ica (Perú). Ademais, Alberto Noguerol foi distinguido a título póstumo, co premio á traxectoria profesional.

Entre outros, foron recoñecidos proxectos como a reforma da envolvente e integración do antigo edificio de "Espellos" en San Caetano (Santiago), de Lucas Díaz Sierra e Gustavo Díaz García, na categoría de Outros Edificios, na que tivo accésit a rehabilitación da estación de autobuses de Pontevedra, de Manuel Vázquez Muiño.

Así mesmo, obtiveron distinción a restauración do pavillón historicista e o muro perimetral de San Martín Pinario (de Juan Orozco Corredoira e Iago Seara Morales). Nesta modalidade de Rehabilitación patrimonial e restauración houbo accésits para os proxectos do Centro Cultural Forges da Fonsagrada (Daniel Gómez Magide) e a rehabilitación interior e mellora da accesibilidade da Casa Consistorial de Pontevedra (María Gracia Amandi Joglar e Dionisio Jorge de Uña Santos)

Ademais, o Plan Básico Municipal do Concello de Porqueira (Ourense), redactado por José González-Cebrián Tello, foi distinguido en Planificación urbana. E, en deseño de espazos urbanos, xardinería e paisaxismo premiouse a mellora do bordo da praia de Porto do Son, de Juan José Creus Andrade, Covadonga Carrasco López, Marcial Rodríguez Rodríguez, José Martín Valladares Durán e Alberto Redondo Porto.

Por outra banda, o premio á obra no exterior fue ex aequo para os proxectos Ancien Manège, en Xenebra, Suíza, de Stefano Daniele Ciurlo Walker e Aurora Armental Ruíz, e o da Escola Inicial 140 na comunidade de Santa Cruz de Villacuri (Barrio Chino) en  Ica, Perú, a cargo de Betsaida Curto Reyes e Ander Bados Sesma.