A conselleira M. Allegue fai un chamamento ao empresariado para acadar o reto de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura
Allegue repasou as actuacións que está a abordar a Administración autonómica en materia de vivenda e as medidas para incentivar a promotores e construtores na construción de vivenda protexida, entre elas a liña de axudas que conta cun investimento de 14M€
A conselleira destacou o barrio de Xuxán como “o lugar da Coruña por excelencia” onde a Xunta está a desenvolver a construción de vivenda de promoción pública, coa previsión de 400 vivendas construídas pola Administración e cooperativas
En materia de Infraestruturas, a conselleira puxo en valor a aposta do departamento que dirixe para contribuír tamén a “crear espazos fermosos e para o desfrute da cidadanía” e avanzou a licitación os próximos días da plataforma flotante do Parrote, por 2M€
A Coruña, 10 de outubro de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas fixo hoxe, en A Coruña, un chamamento ao empresariado para acadar o reto de duplicar o parque público de vivenda. M. Allegue fixo estas declaracións no encontro que mantivo cos socios do Club Empresarial Nordés e no que participou tamén o secretario xeral de Vivenda e director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto.
A conselleira expuxo as liñas de acción do departamento que dirixe “para ofrecer unha vivenda digna a un prezo accesible á sociedade, con especial atención ás persoas e colectivos vulnerables”, e incidiu no traballo “para que todos os galegos e as galegas estean ben comunicados a través de estradas modernas e seguras”. María M. Allegue puxo o acento na gran aposta da Xunta en materia de vivenda e no “moi bo ritmo” que se está a levar para “poder acadar o reto de duplicar o parque público de vivendas, ata chegar ás 8.000, que ten permitido xa, nestes seis primeiros meses de lexislatura, tramitar 1.400 vivendas, que están xa en distintas fases de execución”.
A este respecto, pediu a colaboración do empresariado para acadar este obxectivo, amosando a compromiso da Xunta co sector a través distintas medidas. Sinalou que o Goberno galego reducirá os trámites e a burocracia administrativa e que está a abordar a modificación substancial da normativa para axilizar a construción de vivenda. Ademais, citou a liña de axudas a promotores á que a Administración autonómica destina 14M€.
A conselleira citou como “lugar por excelencia” da construción de vivenda protexida por parte da Xunta ao barrio coruñés de Xuxán, que hoxe mesmo visitou coa ministra Isabel Rodríguez, un acto solicitado pola titular de Vivenda e Axenda Urbana para comprobar o estado das obras de construción de vivenda pública en Galicia. Lembrou que a Xunta inviste en Xuxán ata 55M€, aos que hai que sumar máis de 5 millóns de fondos europeos, unha “cantidade ínfima”, tal e como subliñou, polo que volveu hoxe a trasladar á ministra a necesidade, unha vez máis, de que se incremente a partida para Galicia.
Neste momento, como indicou, están en marcha en Xuxán en distintas fases de tramitación ou execución, 400 vivendas protexidas, 144 construídas pola Xunta e 256 vivendas protexidas que levantarán dúas cooperativas en terreos cedidos pola Administración autonómica en dereito de superficie.
Ademais, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, indicou que a Xunta está a realizar os estudos de viabilidade de varios ámbitos na área urbana da Coruña para desenvolver vivenda protexida. Por outra banda, a Xunta está a desenvolver tamén a rehabilitación de varios inmobles en San Andrés e Santa María para poñer a disposición da cidadanía sete vivendas.
Infraestruturas
No eido das infraestruturas, a conselleira puxo en valor a aposta do departamento que dirixe para contribuír tamén a “crear espazos fermosos e para o desfrute da cidadanía”, en referencia á obra singular que vai vinculada coa Coruña Marítima. A este respecto avanzou a licitación, nos vindeiros días, da plataforma flotante do Parrote, por 2M€. Referiuse así mesmo á ampliación en marcha do Hospital Público da Coruña, o novo CHUAC que conta un presuposto de 500M€, no que ademais se está a abordar a mellora de accesos ao centro cun investimento de 22M€ e a nova urbanización licitada en Pedralonga, por 3,5M€.
Ademais de lembrar que a Xunta seguirá a reclamar, como vén facendo desde hai 15 anos, a transferencia da AP-9, a conselleira incidiu no forte investimento que está a realizar a Xunta nas estradas da súa titularidade. Resaltou que na actualidade a Administración autonómica está a actuar tanto en autovías, como por exemplo a VAC Tui-A Guarda – co enlace coa A-55 ata o polígono de Areas en servizo, e preparando a licitación do próximo treito ata Tomiño, e a prolongación da AG-59 ata A Estrada, en plena execución e onde se están a investir 31M€. Tamén se está a mellorar o firme da autovía Santiago-Ourense, no tramo libre de peaxe xestionada pola Xunta, con máis de 5 M€, e reformouse a capa de rodaxe en 35 estradas, como a AC-110, AC-564 e AC-566 en Ferrolterra. E citou, ademais, as importantes melloras que se está a acometer na rede viaria da titularidade da Xunta, entre elas a mellora de varias estradas que discorren por Ortegal, Viveiro, A Lama, ou Baralla en Lugo.
María M. Allegue referiuse, por outra banda, ao Plan de Sendas que permitiu construír case 300 quilómetros e das actuacións de mellora da accesibilidade e seguridade que se está a abordar en máis de 1.100 paradas, cun investimento de 35M€.