A conselleira M. Allegue destaca as condicións “moi vantaxosas” para a adxudicación de parcelas, que permitirán a construción de 153 novas vivendas protexidas en Navia
Allegue anima ao sector a participar no concurso de parcelas de Navia, nun encontro que reuniu en Vigo a medio centenar de promotores e cooperativistas
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliña que o Goberno galego sacará a concurso parcelas proximamente en O Bertón, en Ferrol
En Vigo, a Xunta desenvolverá, a través da Estratexia de solo residencial, o ámbito do Ofimático que permitirá a construción de 2.300 vivendas
Vigo, 27 de febreiro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, mantivo un encontro con medio centenar de promotores e cooperativistas no Edificio Administrativo da Xunta na cidade olívica. A conselleira deu conta do concurso de 82 parcelas do polígono 1 de San Paio de Navia, para 153 vivendas protexidas. Allegue agradeceu a asistencia á cita, “fundamental para a cooperación entre as administracións e o sector” e invitou aos asistentes a colaborar co Goberno galego man a man de cara a “atallar o problema da vivenda”.
M. Allegue indicou que o solo do concurso deberá ser destinado á construción de vivenda protexida destinada a alugueiro ou a compravenda. Terán preferencia as ofertas destinadas á construción en alugueiro e a adxudicación en dereito de superficie, así como as vivendas que vaian a ter un prezo de renda ou venda máis reducido (réxime especial). A conselleira fixo fincapé nas condicións vantaxosas do concurso e explicou que no caso de compravenda, suporá unha repercusión de 4.000€ por vivenda para réxime xeral. No caso do canon do dereito de superficie, cunha concesión de 75 anos, o prezo é simbólico, 4€ ao ano por vivenda en réxime xeral.
Allegue lembrou que ademais de en Vigo, a Xunta dispón de solos en O Bertón, en Ferrol, onde o Goberno galego sacará de novo a concurso parcelas, tamén con condicións moi interesantes para promotores e cooperativistas.
Enmarcou este esforzo técnico e financeiro da Xunta en Navia no obxectivo de duplicar o parque público de vivenda en Galicia, ata chegar ás 8.000, e apuntou que xa están en marcha máis de 2.000 en distintas fases de execución.
A conselleira anunciou que a Xunta vai a convocar de novo as axudas a promotores, que como novidade tamén incluirán a construción de vivendas en réxime de venda, a través dunha liña con fondos propios da Xunta.
Estratexia de solo residencial
A estas vivendas do polígono 1 en Navia cómpre sumar as que se poidan construír en parcelas que se adxudiquen nos polígonos 2 e 3 desta localización, e as dos ámbitos que se desenvolverán en Vigo a través da Estratexia de solo residencial. Trátase do ámbito do Ofimático que permitirá a construción de 2.300 vivendas.
Ademais estanse analizando outros 4 ámbitos dos que se agarda ter concluídos os estudos de viabilidade nos vindeiros días: Barrios Carballa Salgueira; A Bouza-Florida-Balaídos; Millareira-Da Garita e Avda. Europa-Pertegueiras-Pista-Robaleira.