A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destaca as medidas destinadas a facilitar o acceso á vivenda, nun encontro con xente nova en Mondariz
Allegue destacou o programa de axudas á compra de vivenda, cun orzamento de 3,8M€, que estará aberto ata o 15 de outubro ou ata esgotar o crédito, coas modalidades destinadas a menores de 36 anos que merquen en concellos de menos de 10.000 habitantes, adquisición en conxuntos históricos e compra de vivenda protexida.
O Goberno galego destinou, dende 2019, preto 10M€ ás achegas para adquisición para mozos en localidades de menos de 10.000 habitantes, que sumou 1.266 beneficiarios, 16 deles en Mondariz
En total, a Xunta investiu 14,2€ neste programa desde a súa creación en 2019, ata o 2024
Mondariz (Pontevedra), 16 de febreiro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, salientou as diferentes liñas e programas para a xente nova en canto a vivenda, nun encontro con adxudicatarios das achegas á adquisición, no concello de Mondariz. M. Allegue puxo en valor as tres modalidades do programa de axudas á compra da Xunta. En primeiro lugar, a destinada a menores de 36 anos que merquen en concellos de menos de 10.000 habitantes, con ata 10.800€; en segundo lugar, a que ten como beneficiarias as persoas que adquiran un inmoble nos conxuntos históricos galegos, con ata 15.000€ no caso de que sexa nunha zona do programa Rexurbe e, por último, as centradas en vivenda protexida, con achegas de ata 20.000€ no caso de menores de 36.
A Xunta destinou, dende 2029, preto 10M€ á modalidade de axudas para a adquisición de vivenda por mozos en localidades de menos de 10.000 habitantes, que sumou 1.266 beneficiarios. En concreto, en Mondariz, 16 persoas recibiron a achega. En 2024 concedéronse 250, cunha inversión de preto de 2M€. No que atinxe ás modalidades de axudas para a adquisición en conxuntos históricos ou adquisición de vivenda protexida, o Goberno galego destinou 4,3M€ dende 2019 para máis de 400 destinatarios, e en 2024, máis de 875.000€ para preto de 100 adxudicatarios. A Xunta investiu 14,2€ neste programa desde a súa creación en 2019, ata o pasado ano.
Os concellos de menos de 10.000 habitantes que máis axudas recibiron para á adquisición de vivenda dende o 2019 son Curtis, 34; Monterroso, 29; Melide, 23; Pontecesures, 21; O Saviñao, 19; Palas de Rei, 18; Begonte, 17; Rábade, 17; Mondariz, 16; Fisterra, 16; Lourenzá, 16 e Moraña, 16.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén destacou outras medidas como o aval mozo, co que a Xunta avala ata o 20% do coste da adquisición de xeito que se poida obter un préstamo hipotecario do 100% do prezo da vivenda, que se publicará nas próximas semanas. Por último a reserva do 40% e 25% das vivendas protexidas de nova construción para aluguer e compra de xente nova, respectivamente.
Con respecto ao alugueiro, M. Allegue explicou que a mocidade poderá solicitar o bono alugueiro mocidade en cando se publique a nova convocatoria este mes. Salientou tamén os aloxamentos compartidos como solución transitoria para a xente máis nova, que polo momento está en marcha un en Santiago e en previsión noutras cidades como Vigo ou Lugo.