Escoitar
A conselleira Allegue pon en valor a humanización de Merelle en Trazo, ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, cun investimento de máis de 288.000€
A Xunta asumiu o 70% do orzamento e executou as obras, e o Concello aportou o 30% restante do financiamento
Acondicionáronse as rúas, dotouse a zona de novo mobiliario urbano, e recuperouse o lavadoiro, “de gran valor patrimonial”
O Goberno galego, a través do Plan Hurbe, apoia ás administracións locais para financiar actuacións de humanizacións e mellora das contornas urbanas
Trazo (A Coruña), 23 de xuño de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, pon en valor a humanización de Merelle, en Trazo, ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, cun investimento de máis de 288.000€. Allegue visitou hoxe as obras realizadas neste núcleo.
Esta intervención é froito da colaboración entre a Xunta, que aportou o 70% do financiamento e executou as obras, e o Concello, que achegou o 30% do orzamento.
Os traballos incluíron a urbanización das rúas interiores deste lugar, que dan acceso ás vivendas, e a disposición de novo mobiliario urbano.
As obras completáronse coa instalación de colectores de pluviais e de augas residuais e co soterramento dos servizos de electricidade, alumeado e telecomunicacións.
Ademais recuperouse o lavadoiro existente en Merelle, aplicando un lavado dos seus muros. A conselleira destacou a protección destes “elementos de gran valor patrimonial”.
Subliñou que tras estas obras, “quedaron así unhas rúas máis accesibles, ordenadas e cómodas para os desprazamentos nesta zona”.
Apuntou que “este tipo de obras poden parecer pequenas, pero en realidade son moi importantes porque agora esta contorna loce máis fermosa e fai máis agradable o día a día das persoas”.
O Goberno galego, a través do Plan Hurbe, está a apoiar ás administracións locais para financiar intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas ou de accesibilidade que teñan por finalidade a revitalización do territorio.
Allegue remarcou que “con este plan tratamos de coidar e protexer o noso patrimonio, ademais de contribuír a atraer e asentar poboación, un fito moi relevante en núcleos rurais”.