A conselleira Allegue destaca o papel do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos como garante do rigor técnico e da calidade na planificación e execución da obra pública en Galicia
A Coruña, 4 de marzo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salientou o papel esencial do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos como garante do rigor técnico e da excelencia na obra pública, coincidindo coa súa participación na clausura do Foro de Deseño de Obras Públicas, celebrado hoxe na Coruña. Neste foro, organizado polo ente colexial, asistiron tamén a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e o director de Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Roi Fernández.
Durante a súa intervención, a conselleira puxo o acento na estreita colaboración entre a Administración autonómica e os profesionais deste colectivo profesional, clave para ofrecer infraestruturas útiles, seguras e pensadas a longo prazo.
M. Allegue sinalou como a obra pública transmite valores como a seguridade viaria, a accesibilidade universal, a integración paisaxística e a eficiencia no uso dos recursos públicos.
Incidiu en que Galicia, cos seus 5.500 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, a súa complexa orografía, o seu amplo litoral e a súa dispersión poboacional, esixe unha planificación precisa e sensible. “Planificar ben non é opcional; é unha obriga”, afirmou.
Neste sentido, a conselleira vencellou a cooperación do departamento que dirixe e e entidade colexial ao concepto de “Galicia Calidade”, entendido non só como marca, senón como unha maneira de facer as cousas con esixencia, planificación responsable e excelencia na execución e mantemento das infraestruturas públicas.
Finalmente, M. Allegue incidiu en que a obra pública é cohesión territorial, competitividade económica e igualdade de oportunidades, e apelou a seguir “tendendo pontes” entre a Xunta e os profesionais para construír unha Galicia máis conectada, máis segura e mellor preparada para o futuro.