A conselleira Allegue avanza que a Xunta entregará este verán as primeiras 24 vivendas públicas en Lamas de Abade, en Santiago

Allegue salientou que a este edificio se suman outro en Lamas de Abade e un máis no Castiñeiriño, cuxas obras están próximas á finalización, acadando un total de 60 novas vivendas  públicas

Adiantou que hoxe tivo lugar a proposta de adxudicación da redacción do proxecto para o primeiro inmoble de aloxamentos compartidos para menores de 36 anos, con 60 vivendas, que construirá a Xunta na rúa Xoán XXIII

Subliñou que a Xunta tamén construirá 244 vivendas públicas e unha residencia universitaria en Salgueiriños e 36 vivendas máis en Volta do Castro, grazas á modificación normativa coa que se vai poder construír en solos dotacionais

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

A conselleira Allegue avanza que a Xunta entregará este verán as primeiras 24 vivendas públicas en Lamas de Abade, en Santiago de Compostela. A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou hoxe as obras de construción deste inmoble, que avanzan a bo ritmo e xa están a piques de rematar.

Este inmoble consta dunha composición na que o centro das vivendas é o núcleo das instalacións, e o resto do espazo permitirá ser adaptado a necesidades futuras.

Salientou que a este edificio hoxe visitado se sumará outro de 12 vivendas, tamén en Lamas de Abade, e outro inmoble de 24 no Castiñeiriño, cuxas obras tamén están próximas á finalización, acadando así un total de 60 novas vivendas de promoción pública nesta contorna.

María M. Allegue engadiu a estas actuacións o primeiro inmoble de aloxamentos compartidos para menores de 36 anos, con 60 vivendas, que construirá a Xunta na rúa Xoán XXIII. Detallou que esta mañá tivo lugar a proposta de adxudicación para a redacción do proxecto.

Subliñou que a Xunta tamén construirá 244 vivendas de promoción pública e unha residencia universitaria de 150 prazas en Salgueiriños e 36 vivendas máis en Volta do Castro. Precisou que estas intervencións serán posibles grazas á modificación normativa activada o 1 de xaneiro polo Goberno galego, coa que se vai poder construír en solos dotacionais que ata agora estaban en desuso.