Colectivos veciñais de todo o Estado debaten na sede da Xunta en Lugo sobre vivenda e transportes
O delegado territorial, Javier Arias, explicou algunhas das medidas do Goberno galego e gabou “as interesantes achegas” do movemento veciñal nestas materias
Lugo, 23 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da asemblea xeral da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), que reúne no salón de actos da Delegación Territorial a máis de 200 representantes de distintos puntos de España.
Os eixos principais da xornada serán a vivenda e as infraestruturas e o transporte, que serán abordados desde distintas perspectivas por profesionais de diversos ámbitos, entre eles Rubén Sánchez, secretario xeral da organización de consumidores FACUA, e Marta Vall-llossèra Ferrán, presidenta do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.
No acto de apertura, o delegado territorial explicou que “o problema da vivenda é un auténtico reto de país” e gabou “as interesante achegas que fixo xa a CEAV, como a Guía Veciñal de Rehabilitación aprobada o ano pasado”. Afirmou que “é tamén unha cuestión prioritaria para a Xunta nesta lexislatura, na que pretendemos duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas, e facilitar chan para construír 25.000 novas, 20.000 delas protexidas”.
Arias sinalou que ese obxectivo “comeza a ser unha realidade tanxible”, coa creación da Sociedad Pública de Vivienda de Galicia e o esforzo orzamentario para 2025, que supón triplicar a dotación ata consignar 241 millóns de euros para vivenda e urbanismo. “Actualmente temos en marcha plans para máis de 1.600 vivendas de promoción pública -asegurou-, das que 779 están en construción ou con proxecto ou obra licitada ou adxudicada; entre elas figuran 146 na cidade de Lugo, que están en fase de redacción do proxecto”.
Por outra banda, lembrou “o inxente traballo” que supuxo o Plan de Transporte Público de Galicia e os incentivos postos en marcha, de forma que as persoas de ata 20 anos ou maiores de 65 contan con 60 viaxes gratuítos ao mes.
A asemblea da CEAV serve tamén para presentar os informes de xestión e dar entrada ás asociacións que demandaron a súa adscrición no último ano.
Ademais, inaugurarase na Delegación Territorial unha exposición que percorrerá distintas cidades do país amosando a actividade desenvolvida pola entidade veciñal desde a última asemblea nacional, celebrada en marzo do 2023 en Badalona.
Igualmente, no marco deste encontro estrearanse os premios “Recoñecementos veciñais”, que a Confederación pon en marcha para agradecer a colaboración que reciben por parte de persoas e institucións concretas. Entregaranse durante a cea no restaurante A Fortaleza- Torre de Núñez e entre as galardoadas nesta primeira edición figura Marta Vall-llossèra.