Belén do Campo anima aos veciños a solicitar as axudas de rehablitación de vivendas para as áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago cun investimento de máis de 865.000€

A representante do Goberno autonómico subliña a importancia destas axudas “porque son fundamentais para que máis persoas poidan acceder a fogares eficientes, confortables e respectuosos co medio ambiente”

No caso da ARI Camiños de Santiago destínanse 865.387€ para axudas que permiten sufragar ata o 50% ou 75% da actuación

As persoas, comunidades de propietarios e asociacións de comunidades de propietarios poderán presentar as súas solicitudes ata o 23 de outubro e as axudas, que poden acadar un máximo por vivenda de 30.000€

Para poder acollerse a estas subvencións é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras de rehabilitación

Oroso (A Coruña), 14 de outubro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, e polo alcalde de Oroso, Alex Doval, visitou, esta mañá, aos representantes da comunidade de veciños do edificio Mirasol III no Concello de Oroso beneficiarios da convocatoria da liña de axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago ás que a Xunta de Galicia destina un orzamento de máis de 865.000 euros.

No caso desta comunidade de propietarios recibiron dúas achegas, na fase 1, portal 1,2, e 3,  para a substitución da cuberta mellorando o seu illamento e para a rehabilitación con Sate (Sistema de Illamento Térmico Exterior) da fachada do baixo cuberta que supuxo un investimento total de máis de 155.000 euros, recibindo unha axuda de case 78.000 euros. Na fase 2, portal 4 e 5, recibiron unha axuda total de máis de 48.000 euros para levar a cabo a rehabilitación da  fachada do baixo cuberta a Sate e para  renovación o tellado do edificio, que supuxo un investimento total de máis de 96.000 euros. A delegada da Xunta subliñou que con esta actuación beneficiouse  a más de cen vivendas e actuouse en 3000 metros cadrados de tellado.

A delegada subliñou que “rehabilitar non só mellora a calidade de vida, senón que é clave para construír un futuro máis sostible”. “Estes apoios son fundamentais para que máis persoas poidan acceder a fogares eficientes, confortables e respectuosos co medio ambiente e permiten mellorar o illamento térmico, renovar instalacións eléctricas, e apostar por enerxías renovables”. “Ademais, a rehabilitación impulsa a economía local, xerando emprego e dinamizando o sector da construción”, puntualizou Belén do Campo.

Beneficiarios das actuacións

En concreto, a Xunta destina 865.387€ ás rehabilitacións na ARI dos Camiños de Santiago. Neste senso, a delegada animou a todos os veciños a solicitar, antes do 23 de outubro, estas achegas convocadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Para poder acollerse a esta convocatoria de subvencións é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras de rehabilitación.

Para contar con esa cualificación definitiva e poder optar a futuras convocatorias destas axudas, antes é preciso obter a cualificación provisional, un trámite que se pode realizar por vía electrónica na sede da Xunta e que ten o prazo aberto ata novembro de 2025. No momento en que se finaliza a actuación, os solicitantes teñen que comunicar o fin da obra e xustificala para solicitar a cualificación definitiva, a fin de poder acceder á convocatoria de axudas de rehabilitación.

A contía das achegas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo das axudas poderá acadar os 12.000 euros por vivenda  para rehabilitación e 30.000 euros para a construción dunha nova vivenda que substitúa a outra anteriormente demolida.