As axudas da Xunta para rehabilitación de vivendas nas ARIS do Camiño de Santiago mobilizaron preto de 155.000 euros en investimentos en Ferrolterra
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a unha das beneficiarias deste programa da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas que ten aberta unha nova convocatoria
Conta cun orzamento de 800.000 euros e o prazo para presentar solicitudes finaliza o 27 de febreiro
Neda (A Coruña), 3 de febreiro de 2025
A Xunta mobilizou en Ferrolterra o pasado ano un investimento de preto de 155.000 euros para impulsar tres actuacións ao abeiro do programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Neda, Ángel Alvariño, visitaron esta mañá no municipio a unha das beneficiarias destas axudas.
Neste caso, a achega, destinada á substitución da cuberta dunha vivenda unifamiliar, ascendeu a máis de 10.000 euros para un proxecto valorado en 22.300 euros.
Durante a visita, na que tamén estivo a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, a delegada territorial puxo en valor este programa que ten aberto o prazo de solicitude da convocatoria deste ano ata o 27 de febreiro. Indicou que conta cun orzamento de 800.000 de euros e que está destinada ás comunidades de propietarios e ás agrupacións de comunidades; ás agrupacións de propietarios; e ás persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.
Lembrou ademais que é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras, para as que previamente debe obterse a cualificación provisional.
A contía das axudas chega ata o 75% do importe subvencionable da actuación. O importe máximo poderá acadar os 12.000€ por vivenda rehabilitada e 30.000€ no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.