As axudas da rehabilitación de inmobles de vivenda de promoción pública da Xunta poderán solicitarse a partir deste vindeiro luns, día 23
A Xunta destinará 1M€ ao fomento da rehabilitación de inmobles de VPP nunha nova quenda desta convocatoria de axudas financiadas con fondos autonómicos
Trátase de apoiar os esforzos que están a levar a cabo as comunidades destas vivendas, para a adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade
A contía da subvención poderá chegar ata o 60% do orzamento das obras, cun importe máximo de 6.000 euros por vivenda
O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro día 23 de abril
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG), publica hoxe a resolución da nova convocatoria de axudas destinadas ao fomento da rehabilitación de inmobles de vivenda de promoción pública (VPP) nunha nova quenda da convocatoria de axudas financiadas integramente con fondos autonómicos.
Trátase dunha nova convocatoria destas axudas, que se poderán solicitar a partir desde vindeiro luns, día 23, e cuxo prazo se estende ata o vindeiro día 23 de abril, destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación de vivenda pública, dirixida ás comunidades de propietarios ou agrupación de comunidades de inmobles promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), con máis de dez anos de antigüidade e que se manteñan cualificados como VPP.
A Xunta reserva así 1M€ a esta convocatoria, de carácter plurianual, que ten como obxectivo apoiar os esforzos que están a levar a cabo as comunidades destas vivendas públicas, para acometer as obras necesarias de adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade destes edificios motivadas polo transcurso do tempo.
A contía da subvención poderá chegar ata o 60% do orzamento das obras, cun importe máximo de 6.000 euros por vivenda.
Poden ser obxecto de subvencións obras para a supresión de barreiras arquitectónicas co obxectivo de mellorar a accesibilidade do inmoble -instalación de ascensores, ramplas ou dispositivos adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial-.
Ademais, tamén poden recibir financiamento obras de adecuación funcional que proporcionen ao edificio unha mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc.
Nos seguintes enlaces ao DOG pódese ampliar a información: Resolución e Extracto.