Ana Ortiz entrega as chaves dunha nova vivenda de promoción pública no Casco Vello de Vigo

A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello, Ana Ortiz, firmou a venda dun piso na rúa Ferrería adxudicado mediante sorteo público

Vigo, 5 de marzo de 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, firmou este mércores a venda dunha vivienda de promoción pública no número 10 da rúa Ferrería que fora adxudicada mediante sorteo público o pasado mes de novembro.

A representante autonómica agradeceu o traballo levado a cabo tanto desde o Consorcio Casco Vello como desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para poñer a disposición da cidadanía novos pisos de promoción pública. O CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, puxo así a disposición dos vigueses cinco novas vivendas coa rehabilitación do edificio Elduayen 31-Ferrería 10 con prezos de partida de 125.000 euros.

A representante autonómica destacou que en 2025 o CCVV cointinúa avanzando coas obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas).

Ás anteriores 9 vivendas sumaranse outras cinco co remate das obras, que comezarán ao longo do ano, da rehabilitación prevista no inmoble da rúa Alta 8-14.  Ortiz tamén lembrou que está previsto que se desenvolva o proceso de licitación dos proxectos e obtención de autorizacións administrativas para a rehabilitación doutros dous inmobles que se atopan no histórico barrio do Berbés (números 7 e 27).