Allegue supervisa na Coruña a instalación de fachadas industrializadas nun inmoble de 40 vivendas, que se sortearán en xaneiro
A Xunta inicia o procedemento de adxudicación destas vivendas entre as persoas inscritas no rexistro de demandantes de Galicia na cidade da Coruña
O sorteo dos 40 fogares en réxime de alugueiro, terá lugar o 16 de xaneiro
Dos 40 fogares, un 40% estarán reservados a menores de 36 anos
A instalación de fachadas prefabricadas favorecen a rapidez na execución, a sostibilidade e a seguridade na obra
A Xunta inviste 7,7 M€ na obra, dos que 1,9 M€ son fondos europeos
Allegue destaca a aposta do Goberno galego para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda na Coruña, onde están en marcha 210 vivendas de promoción pública
A Coruña, 17 de decembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe as obras en execución deste inmoble na parcela Z13 de Xuxán, un dos nove promovidos polo Goberno galego na comunidade e nos que se aplican técnicas industrializadas. En concreto, iniciouse a instalación de fachadas fabricadas en taller, producidas nunha empresa galega, tras a finalización da estrutura do edificio, para a que tamén se usaron pezas industrializadas.
Allegue subliñou que a Xunta vén de iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias, para alugueiro accesible, destas 40 vivendas de promoción pública. Un 40% delas reservaranse para menores de 36 anos. O sorteo terá lugar o vindeiro día 16 de xaneiro entre os inscritos no rexistro de demandantes de Galicia na cidade.
A Xunta de Galicia inviste nesta obra 7,7M€, dos que 1.968.800€ son fondos europeos.
Maior eficiencia, sostibilidade e seguridade
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliñou que a instalación de pezas prefabricadas está permitindo construír máis rápido, con todas as garantías de calidade e cunha maior eficacia. O inmoble terá a máxima cualificación de eficiencia enerxética.
Allegue destacou que ademais do aforro no tempo de execución, as pezas prefabricadas simplifican a montaxe, xa que non se precisan andamios, mellorando polo tanto tamén a seguridade en obra e as condicións de control e limpeza.
Lembrou tamén que a Xunta está a apostar de forma firme por estas técnicas, por iso está a traballar nun Plan director da construción industrializada que elaborará a Fundación Galicia Constrúe e o Clúster da Construción, que incluirá un mapa de capacidades produtivas neste eido na comunidade.
A conselleira salientou o compromiso da Xunta coa cidadanía da Coruña, onde xa están en marcha 104 vivendas de promoción pública en Xuxán, as 99 dos solos cedidos polo Concello nos Rosais, Rei Abdullah e Pedro Fernández e 7 do Programa Rexurbe nas rúas San Andrés e Santa María.
No marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, o Goberno galego ten en marcha o Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo no ámbito de Monte Mero para 4.310 vivendas, o 80% protexidas.