Escoitar
Allegue supervisa a instalación dos balcóns con técnicas industrializadas na promoción de 40 vivendas públicas de Xuxán, na Coruña
A Xunta está a apostar polas técnicas industrializadas como modelo áxil, seguro e sostible e ten en marcha en Galicia na actualidade ao redor de 800 vivendas co emprego deste sistema
A Coruña, 1 de outubro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe a instalación dos balcóns con técnicas industrializadas na promoción de 40 vivendas públicas que constrúe a Xunta en Xuxán, na Coruña.
A Xunta está a apostar polas técnicas industrializadas como modelo áxil, seguro e sostible para a promoción de vivenda e ten en marcha en Galicia na actualidade ao redor de 800 fogares públicos co emprego deste modelo.
No caso destas 40 vivendas que se constrúen en Xuxán, os elementos industrializados son a estrutura, as fachadas e os balcóns, coa previa fabricación en taller e posterior montaxe. Desde esta semana estanse a colocar os 40 balcóns previstos, 32 con este sistema. Instálanse primeiro as bandexas, de aceiro galvanizado suspendidas desde a estrutura de cuberta mediante tirantes e con acabado de céspede artificial no chan, para despois colocar as varandas, que se fabrican en Galicia.
A Xunta ten en marcha máis de 1.000 vivendas de promoción pública na Coruña e, neste momento, ademais destes 40 fogares, en Xuxán están en construción outras promocións de 50 e 14 vivendas.