Allegue subliña que as vivendas ofertadas en Vigo pola entidade estatal Casa 47 teñen alugueiros 1,4 puntos por riba da vivenda libre e case 7 máis que as promovidas pola Xunta

Detallou que o alugueiro destas vivendas é de 8,8€/m2, fronte aos 7,4 do importe medio en Vigo, ou a franxa entre 1,2 e 2€/m2 das vivendas públicas da Xunta

Sinalou que unha vivenda de Casa 47 con 2 dormitorios ten un alugueiro de 805€; e unha de 3 dormitorios ascende a 887€ de renda fronte aos 158 euros ou 186 euros que suporía a renda no caso de ceder estes inmobles á Xunta

Fixo fincapé en que o 84% destas vivendas exixen ingresos de polo menos 2.000 euros netos ao mes, deixando fóra á maioría da cidadanía viguesa, cuxos ingresos medios son de 1.786 euros mensuais, segundo a Axencia Tributaria

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

A conselleira Allegue subliña que as vivendas ofertadas en Vigo pola entidade estatal Casa 47 constan de prezos de alugueiro 1,4 puntos por riba da vivenda libre na cidade e case 7 puntos superior aos dos fogares impulsados pola Xunta.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde criticou a falta de accesibilidade das 67 vivendas ofertadas por este organismo na cidade olívica.

Detallou que o prezo que prevé Casa 47 para os alugueiros destas vivendas é de 8,8 euros por metro cadrado, fronte aos 7,4 euros, que é o importe medio en Vigo, tal como amosan os datos oficiais dos depósitos de fianzas no IGVS; e en comparación cunha vivenda pública da Xunta, que oscila entre 1,2 e 2 euros por metro cadrado. No caso de vivenda protexida, o prezo máximo oscila entre 5 e 5,9 euros.

Neste sentido, sinalou como exemplo que unha vivenda de Casa 47 que conte con 2 dormitorios, de 79 m2, ten un prezo de alugueiro de 805 euros; e as de 3 dormitorios, e uns 93 metros cadrados, supoñen 887 euros de renda.

Allegue reivindicou de novo a cesión destes activos á Xunta de Galicia, onde se cualificarían como vivenda pública con protección permanente e se alugaría aos inscritos no rexistro de demandantes por un máximo de dous euros por metro cadrado. Así, remarcou, que unha vez cedidas, o prezo desas vivendas tipo de 2 dormitorios apuntadas suporían 158 euros/mes fronte aos 805 que establece Casa 47. As de 3 dormitorios, contarían con rendas máximas de 186 euros.

Explicou que este proxecto do Goberno non cumpre coas necesidades reais da cidadanía, xa que cos citados prezos e tendo en conta que a renda non pode superar o 30% dos ingresos familiares, unha familia precisaría contar cuns ingresos mínimos netos de 2.683 euros para unha vivenda de 2 dormitorios; e de 2.956 euros ao mes para unha de tres habitacións.

Fixo fincapé en que o 84% das vivendas de Casa 47 exixen ingresos de polo menos 2.000 euros netos ao mes, deixando fóra á maioría da cidadanía viguesa, cuxos ingresos medios son de 1.786 euros mensuais, segundo a Axencia Tributaria.

A Xunta lamenta que o Executivo estatal non estea a dar resposta ao problema estrutural da vivenda, ante o que a Xunta traballa sempre con atención ao interese público, poñendo o acento na construción, no desenvolvemento de solo, na redución  da burocracia e nas medidas que incentiven ao sector para que se constrúa.