Allegue salienta que a Xunta ten en marcha 4.670 vivendas públicas, das que 1.861 xa están en obras

Salientou que o Goberno galego avanza no obxectivo de duplicar o parque público, é dicir, chegar ás 8.000 vivendas en 2028 e ás 10.000 en 2030

Subliñou o investimento récord da Xunta en materia de vivenda, pois as licitacións nos 9 primeiros meses deste ano superan os 380M€

Sinalou que se está a desenvolver solo onde construír 25.000 fogares, dos que 20.000 serán protexidos, para o que hai 13 Proxectos de Interese Autonómico en marcha en 12 concellos

Puxo en valor a colaboración da Xunta con 17 concellos, de distintas cores políticas, que cederon gratuitamente solo para construír vivenda pública

Destacou a nova liña de axudas anunciada polo presidente Rueda, dotada de 7M€ para apoiar aos concellos na promoción de vivenda pública accesible

Remarcou medidas específicas para a mocidade, como a reserva dun 25% das novas vivendas públicas en venda e, polo menos, un 40 % das de alugueiro

Citou medidas dirixidas ás familias, como a suba do IPREM ao 4, 4,5 para numerosas, no acceso á vivenda pública; ou a reserva do 30% da vivenda en réxime de compra-venda a persoas entre 36 e 45 anos con fillos

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, destacou hoxe no Parlamento que a Xunta ten en marcha 4.670 vivendas públicas, das que 1.861 xa están en obras.

Salientou que o Goberno galego avanza así no obxectivo de duplicar o parque público, é dicir, chegar ás 8.000 vivendas en 2028 e ás 10.000 en 2030, tal como recolle o II Pacto de Vivenda de Galicia, plenamente vixente desde xaneiro deste ano.

Fixo fincapé en que eses fogares xa empezan a chegar ás familias, pois en xullo a Xunta entregou 74 vivendas en Valdecorvos, en Pontevedra, e a semana pasada, outras 24 en Lamas de Abade, en Santiago.

Subliñou o investimento récord da Xunta en materia de vivenda, pois as licitacións nos 9 primeiros meses deste ano superan os 380M€. Así o ratificou esta semana o Consello da Xunta, que avaliou o correspondente informe.

Proxectos de Interese Autonómico

Recordou que ademais de construír vivenda, tamén se está a desenvolver solo no que poder edificar 25.000 novos fogares, dos que 20.000 serán protexidos. Para isto, hai 13 Proxectos de Interese Autonómico en marcha en 12 concellos.  Están aprobados inicialmente os PIA para desenvolver os ámbitos en Lugo, Vigo, Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela e en tramitación Marín, O Porriño, outro en Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo e Cangas. A previsión é aprobar definitivamente estes 7 PIA, con aprobación inicial antes de que remate este ano, seguir coa tramitación e en 2028 iniciar xa a edificación compaxinada coas obras de urbanización. Puntualizou que para esa aprobación definitiva falta o informe de Carreteras do Estado, un documento que a conselleira reclamou esta semana ao delegado do Goberno.

Puxo en valor a colaboración da Xunta con 17 concellos, de distintas cores políticas, que cederon gratuitamente solo para construír vivenda pública. Son os municipios de Pontevedra, Carballo, Santiago de Compostela,  Teo, A Estrada, Lalín, Lugo, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Arteixo, Baiona, Sanxenxo, O Porriño, Narón, San Cibrao e Bueu.

Neste sentido, destacou a nova liña de axudas anunciada esta mañá polo presidente Rueda, unha convocatoria pioneira dotada de 7M€ para apoiar aos concellos na promoción de vivenda pública accesible. A convocatoria permitirá financiar ata 85.000 euros por cada nova vivenda, facilitando así que máis entidades locais poidan impulsar promocións.

Por outra parte, a conselleira recordou que a Xunta impulsou novas medidas para facilitar que se constrúa máis vivenda e dun xeito máis axil. Citou exemplos como permitir o uso de solos dotacionais para vivenda protexida, recuperar edificios inacabados, a conversión de locais en vivenda ou axilizar os trámites municipais a través das ECCOM.

Mocidade

Ademais remarcou as medidas destinadas especificamente á mocidade, o colectivo con máis dificultades no acceso á vivenda. Lembrou a reserva dun 25 % das novas vivendas públicas en venda para a mocidade e, polo menos, un 40 % das de alugueiro; ou a bonificación ata o 100% no imposto de Actos Xurídicos Documentados da vivenda protexida.

A Xunta tamén activou axudas directas á compra, avais para financiar a primeira vivenda e está impulsando aloxamentos compartidos para mozos en Santiago, Vigo, Lugo e A Coruña.

Familias

Allegue tamén puxo o acento nas iniciativas autonómicas para contribuír a facilitar o acceso das familias a un fogar. Elevouse o IPREM ao 4 (4,5 no caso das familias numerosas) no acceso á vivenda pública; e resérvase o 30% da vivenda pública en réxime de compra-venda a persoas entre 36 e 45 anos con fillos. Ademais subiu ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais da Xunta de Galicia para a axudar coa hipoteca na compra da primeira vivenda.

Concluíu que o Executivo autonómico está construíndo, licitando, mobilizando solo, incrementando investimentos e poñendo novas vivendas públicas a disposición dos galegos.