Allegue pon en valor a recuperación de 16 vivendas no centro histórico de Ponteareas ao abeiro das axudas nivel barrio, cun investimento de 400.000€
As actuacións nas 16 vivendas, financiadas con fondos europeos, teñen como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles e outras reformas, como colocación de ascensores, conservación e renovación das edificacións
A conselleira destacou as intervencións realizadas, no marco da posta en valor do centro histórico de Ponteareas, así como a colaboración do Concello en materia de vivenda
Ponteareas (Pontevedra), 14 de outubro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, puxo hoxe en valor a recuperación de 16 vivendas no centro histórico de Ponteareas ao abeiro das axudas nivel barrio, que contaron cun investimento total de 400.000€ de fondos europeos. Allegue participou no acto de entrega das placas identificadoras aos propietarios das vivendas rehabilitadas no concello pontevedrés.
O Concello de Ponteareas foi un dos beneficiados das axudas a nivel barrios, xestionadas pola Xunta, quer repartiron unha partida excepcional de fondos europeos no ano 2022 por importe de 33M€ para a rexeneración urbana e a rehabilitación de preto de 5.000 vivendas en 28 concellos galegos. Ao municipio pontevedrés correspondéronlle 400.000€.
Con este investimento abordánse actuacións nas 16 vivendas, das que 10 xa teñen as obras adxudicadas, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e outras reformas, como colocación de ascensores, conservación e renovación das edificacións.
A conselleira destacou as intervencións, no marco da posta en valor do centro histórico de Ponteareas, así como a colaboración do Concello en materia de vivenda. “É fundamental e máis no momento no que vivimos, que as administracións poñan todo da súa parte para acadar máis vivenda e sacar o maior partido ao patrimonio xa construído”, indicou.
O Concello de Ponteareas ten unha Área de Rehabilitación declarada desde o 2021. Ademais, beneficiouse de préstamos sen xuros do Fondo de Cooperación da Xunta, por preto de 2,5M€, cos que abordou a mellora de instalacións públicas como casas culturais, o Centro Cívico, a ludoteca municipal, a escola infantil, o Conservatorio, a Biblioteca do museo o Centro Cultural de Couso, así como a renovación de vivendas de titularidade municipal.
Por outra banda, a Xunta concedeu no 2022 en Ponteareas un total de 7 axudas para a adquisición de seis vivendas protexidas, que suman un total de 63.300€.