Escoitar
Allegue louva a calidade das vivendas públicas construídas en Galicia na presentación dos proxectos gañadores do concurso de ideas para os novos 140 fogares en Ames
A conselleira pon en valor o talento e “a excepcional calidade da arquitectura galega, froito do traballo, da reflexión e da sensibilidade, que deseña espazos para contribuír a mellorar a vida das persoas e fortalecer a comunidade” e subliña a colaboración co sector na construción de vivenda pública
Allegue emprazou ao sector a aproveitar este momento de intensa actividade licitadora para “posicionar a Galicia como exemplo dunha vivenda pública integral, moderna e respectuosa coas persoas que habitan e tamén coa súa contorna”
A UTE formada polos estudos Peris-Toral Arquitectes SCPP e Creus e Carrasco arquitectos SLP obtivo o primeiro premio co proxecto “24CRUCES”, para construír os inmobles nas parcelas AR3 e AR6 do solo cedido polo Concello
O segundo premio recaeu en Marina Sabela Jordan de la Peña por “Limiar00” para as promocións das parcelas AR4 e AR5, e o terceiro no equipo formado por Begoña Fernández-Shaw Zulueta, Carlos Rebolo Maderuelo e Alejandro Caraballo Llorente para o inmoble da parcela AR8 coa súa proposta “TRAMA26”
Os accésit foron para os proxectos “EN COMUNID4DE”, de Javier Couto Granja; “MUTABL3”, a cargo de Gabriel Alarcón Sabarís e Inmaculada Hervés González e “1 Comunidade flexible e permeable”, a cargo de Manuel Jesús Pallas Rodríguez e María Alonso Mosquera
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, louvou hoxe a calidade das vivendas públicas construídas en Galicia na presentación dos proxectos gañadores do concurso de ideas para os novos 140 fogares en Ames. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu a coñecer hoxe nun acto na Cidade da Cultura o fallo deste concurso convocado coa colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia para o deseño destas futuras promocións que se construirán en solo cedido polo Concello.
Entre as 121 propostas recibidas, o xurado elixiu seis finalistas, e na segunda parte do procedemento requiriu aos equipos a elaboración dun anteproxecto dos seus deseños. Finalmente, o primeiro premio do concurso foi para o proxecto “24CRUCES”, elaborado pola UTE Peris-Toral Arquitectes SCPP + Creus e Carrasco arquitectos SLP, de xeito que a este estudo corresponderalle desenvolver os edificios correspondentes ás parcelas AR3 e AR6 deste solo situado en Galdrachán.
O segundo galardón obtívoo a proposta “LIMIAR00”, a cargo de Mariña Sabela Jordan de la Peña, a quen corresponderá o desenvolvemento dos edificios vinculados ás parcelas AR4 e AR5. E o terceiro foi para o proxecto “TRAMA 26”, a cargo de BASIC-AAP, SLP e co equipo formado por Begoña Fernández-Shaw Zulueta, Carlos Rebolo Maderuelo e Alejandro Caraballo Llorente. Este galardón queda vinculado ao proxecto correspondente á parcela AR8.
Estes tres premios están dotados con 5.000 euros cada un e permiten aos gañadores obter os contratos para a redacción dos proxectos básicos dos inmobles, así como a redacción dos proxectos de execución, a elaboración da documentación técnica vinculada e a dirección de obra.
Accésits
En canto aos accésit, o primeiro foi para “EN COMUNID4DE”, de Javier Couto Granja, mentres que o segundo recaeu na proposta “MUTABL3”, a cargo de Gabriel Alarcón Sabarís e Inmaculada Hervés González e o terceiro para “1 Comunidade flexible e permeable”, a cargo de Manuel Jesús Pallas Rodríguez e María Alonso Mosquera. Neste caso, os gañadores recibirán 5.000 euros cada un.
En total, o valor estimado do concurso e dos contratos vinculados ao mesmo ascende a 1,4M€.
A conselleira recoñeceu a creatividade das 121 propostas recibidas e puxo en valor o talento, “a calidade excepcional froito da sensibilidade e da reflexión” dos profesionais da arquitectura “que deseña espazos para contribuír a mellorar a vida das persoas e fortalecer a comunidade”. Salientou a “imprescindible” colaboración de este sector “para crear novos espazos que dean respostas ás diferentes maneiras de vivir que temos hoxe en día, con espazos polivalentes e con maiores comodidades”.
Allegue situou a Galicia como exemplo de construción de vivenda pública de calidade “que debe ser o reflexo da nosa identidade” e destacou a aposta da Administración autonómica para construír “pensando nas persoas verdadeiros fogares con modelos que sexan flexibles, inclusivos, sostibles e altamente eficientes, pero sobre todo dignos”.
Neste senso, emprazou ao sector a aproveitar este momento de intensa actividade licitadora para entre todos, “posicionar a Galicia como exemplo dunha vivenda pública integral, moderna e respectuosa coas persoas que habitan e tamén coa súa contorna”. Allegue apuntou que “entre todos estamos creando comunidade” e formas de habitar e integrados na contorna, “porque as zonas comúns, de lecer e esparexemento considerámolas tamén importantes para un verdadeiro barrio”. E incidiu en que “a vivenda pública galega que queremos, pensamos e construímos, é sobre todo e ante todo accesible”.
Neste senso, destacou a singularidade desta actuación en Ames, nun ámbito de algo máis de 4.400 metros cadrados para explorar novos formatos e novas tipoloxías de edificación adaptadas á demanda. “Estas 140 vivendas de promoción pública que imos construír desde da Xunta no Concello de Ames son un exemplo” ao igual, sinalou, os concursos de ideas para construír vivendas, aloxamentos compartidos e residencias xuvenís en Santiago e A Coruña, aos que se presentaron 57 propostas.
Ademais do sector, a conselleira tamén incidiu na necesaria colaboración de todas as administracións no reto da vivenda, de xeito especial os concellos.