Escoitar
Allegue destaca a licitación das obras de 54 vivendas públicas en Valdecorvos, en Pontevedra, cun investimento autonómico de 10,6 M€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación destas actuacións e as empresas terán de prazo ata o 12 de xuño para presentar ofertas
Construiranse bloques de 6 alturas, “cos maiores estándares de calidade en canto a funcionalidade, sostibilidade e aforro enerxético”, segundo indicou a conselleira
Estes fogares edificaranse en solo en Valdecorvos cedido de balde polo Concello
Allegue avanzou que axiña se licitarán as obras das outras 71 vivendas que se construirán nos outros solos cedidos, 58 en Ernestina Otero e 13 nas Devesas
Pontevedra, 30 de abril de 2026
Allegue destaca a licitación das obras de 54 vivendas públicas en Valdecorvos, en Pontevedra, cun investimento autonómico de 10,6M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas deu conta hoxe conta desta actuación.
O Consello da Xunta autorizou esta actuación esta semana e hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a súa licitación. As empresas terán de prazo ata o 12 de xuño para presentar as súas ofertas.
Trátase de bloques de 6 alturas, con espazos verdes e comúns exteriores. Segundo detallou a conselleira, é “un proxecto de vivenda pública cos maiores estándares de calidade en canto a confort, funcionalidade e durabilidade, e con criterios de sostibilidade e aforro enerxético”.
Agradeceu ao Concello de Pontevedra a súa colaboración, pois cedeu á Xunta de xeito gratuito terreos en Valdecorvos, Tafisa e nas Devesas para acadar 125 vivendas públicas.
Avanzou que axiña se licitarán as obras das outras 71 vivendas que se construirán nos outros solos cedidos, 58 en Ernestina Otero e 13 nas Devesas, e axilizarase a adxudicación para poder inicialas canto antes.
Salientou o compromiso da Xunta para facilitar vivenda digna e accesible nesta cidade, onde están en marcha 306 fogares de promoción pública, a maior parte en Valdecorvos, onde se entregarán pronto 74 vivendas.
Recordou que a Xunta tamén avanza cara ao desenvolvemento de solo residencial do PIA de San Mauro, onde se poderán construír 2.010 vivendas, o 80% protexidas.