Allegue cualifica o PIA do Sagrado Corazón como "gran oportunidade e magnífica noticia" para Lugo

A titular de Vivenda salientou que a Xunta prevé un investimento estimado de 15M€ neste ámbito que foi consensuado co Concello de Lugo

Tras a publicación hoxe no DOG, hai un prazo de 15 días para a presentación de alegacións, prevendo aprobar definitivamente o PIA no último trimestre do ano para licitar a execución o vindeiro ano e urbanizar en 2028, simultaneando coa edificación

O Goberno galego sacará a concurso parcelas para que os promotores e cooperativas constrúan vivenda libre e protexida, esta última a prezos accesibles

Allegue sinalou que ademais dos edificios previstos, “haberá unha ampla superficie para equipamentos na parte posterior do CEIP, ademais de zonas verdes, rede viaria, abastecemento, iluminación, gas, telecomunicacións ou  aparcadoiros”

Este PIA forma parte da Estratexia Galega de Solo Residencial que impulsa a Xunta para construír en toda a comunidade 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas

A Xunta é pioneira en empregar a figura dos PIA para axilizar os prazos e acadar fogares o antes posible e xa ten en marcha 12 en 11 concellos no que vai de lexislatura

Lugo, 5 de febreiro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, calificou o PIA do Sagrado Corazón como “gran oportunidade e magnífica noticia” para Lugo. Allegue destacou que o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que desenvolverá solo para 1.200 vivendas neste barrio será un revulsivo para o crecemento ordenado e sostible de Lugo.

Sinalou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación inicial deste PIA e a partir de mañá hai un prazo de 15 días naturais para a presentación de alegacións. Trátase do primeiro PIA dos que está a tramitar a Xunta que acada a aprobación inicial

Explicou que a previsión é aprobar definitivamente o PIA no último trimestre do ano para poder licitar a execución o vindeiro ano e empezar a urbanizar en 2028, simultaneando coa edificación.

Salientou que a Xunta contempla un investimento estimado de 15M€ neste ámbito que foi consensuado co Concello de Lugo.

O Goberno galego, no marco deste procedemento, sacará a concurso parcelas para que os promotores e cooperativas constrúan vivenda libre e protexida. No caso desta última,  será protexida indefinidamente grazas ás modificacións adoptadas polo Executivo autonómico.

A conselleira subliñou que estes inmobles garantirán un parque de vivenda de calidade, a prezos accesibles.

Características

O ámbito do PIA de Lugo abrangue 12 hectáreas e está situado ao nordés da cidade, na contorna do barrio do Sagrado Corazón, unha situación estratéxica ao localizarse nas inmediacións futura estación Intermodal.

Allegue precisou que ademais dos edificios previstos, “tamén se contempla unha ampla superficie destinada a equipamentos na parte posterior do CEIP Sagrado Corazón, ademais de usos terciarios, zonas verdes, rede viaria, abastecemento, iluminación, gas, telecomunicacións e áreas de aparcadoiro”. Subliñou que é “un proxecto ambicioso e absolutamente necesario para Lugo”.

Estratexia de solo residencial

Este PIA hoxe presentado forma parte da Estratexia Galega de Solo Residencial que impulsa a Xunta para construír en toda a comunidade 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas.

Remarcou que Galicia é pioneira en empregar esta figura dos Proxectos de Interese Autonómico para axilizar prazos para que estes fogares sexan unha realidade canto antes.

Recordou que o Goberno galego xa ten en marcha 12 PIA en 11 concellos no que vai de lexislatura, sendo o de Lugo o que se atopa máis avanzado.