Allegue agarda asinar a vindeira semana co Concello de Vigo e Zona Franca o convenio para desenvolver o ámbito PS1 da ETEA, no que a Xunta investirá 10,5 M€

A conselleira lembrou que a Xunta cumpriu todos os seus compromisos sobre a ETEA e ten aprobado desde maio do pasado 2025 o convenio que fora consensuado no 2024 con Concello e Zona Franca

Celebra que, “tras meses de inacción”, o Concello de Vigo aprobase en Xunta de Goberno o convenio a semana pasada 

No que atinxe ás obras do ámbito PS6, Allegue recordou que a Xunta está a investir na urbanización preto de 5M€

Ademais, a Xunta licitou a construción e explotación dunha cafetería no ámbito PS5, e o prazo de ofertas está aberto ata o 27 de marzo

Vigo, 3 de febreiro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, agarda asinar a vindeira semana co Concello de Vigo e Zona Franca o convenio para desenvolver o ámbito PS1 da ETEA en Vigo, no que a Xunta vai investir 10,5M€. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe as obras que a Administración autonómica está a desenvolver no ámbito PS6.

A conselleira lembrou que a Xunta vén cumprindo todos os seus compromisos para desenvolver o ámbito PS1, que suporá a urbanización e acondicionamento do viario principal que vertebra a ETEA e a praza de Armas, así como a dotación de novas redes de servizos e conexións exteriores.

Así, indicou que tras o acordo alcanzado e “consensuado e validado” por Xunta, Concello e Zona Franca no verán do 2024, polo que a Administración autonómica comprometeu o financiamento da obra ao 100%, xa en maio do 2025 o Consello da Xunta aprobou o convenio, cun investimento de 10,5M€.

Allegue congratulouse de que, despois de “meses de inacción”, o Concello de Vigo aprobase en Xunta de Goberno a pasada semana o convenio do PS1, “con oito meses de retraso sen saber o motivo”. E confía en que agora o Concello “non poña paus na roda” de xeito que “poida iniciarse canto antes a urbanización deste viario que vai ser sufragado pola Xunta, que permitirá o desfrute non só dos veciños de Teis e os vigueses, senón de todos os cidadáns que queiran desfrutar desta contorna”.

A conselleira visitou hoxe as obras de urbanización do PS6, “as únicas que se están executando neste momento” nos terreos da antiga Escola, cun investimento autonómico de case 5M€ e que albergarán a futura residencia que construirá a Fundación Amancio Ortega e que xestionará a Xunta.

E destacou que neste momento tamén está aberta a licitación da construción e explotación dunha cafetería no ámbito PS5, para a que as empresas poden presentar ofertas ata o 27 de marzo.