Abre o prazo de solicitude das axudas de ata 30.000 euros para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra reuniuse cun grupo de veciños no concello de Mondariz para explicar os detalles desta liña de axudas

A Xunta destina un orzamento de 5M€ con carácter bianual a estas axudas con fondos autonómicos, que poderán ser ampliados se a demanda de solicitudes excede esa contía, e a axuda cubrirá ata o 75% das obras

Na provincia de Pontevedra existen 24 concellos con menos de 5.000 habitantes

Mondariz (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reuniuse esta tarde cun grupo de veciños da comarca do Condado Paradanta no concello de Mondariz para informar sobre a apertura do prazo de solicitude da nova liña de axudas para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes. Os interesados poden presentar as súas solicitudes dende mañá, día 21 de xaneiro, ata o día 1 setembro, sempre que o crédito da axuda non se esgote antes.

Reguera destacou que a nova liña se une ás medidas coas que o Goberno galego axuda aos concellos de menor poboación a garantir o acceso á vivenda e está destinada tanto a rehabilitación como ao remate ou ampliación de vivendas en concellos de 5.000 habitantes con ata 30.000 euros. Inclúese así mesmo a posibilidade de cambiar o uso locais baleiros en vivenda, para a que o Goberno galego xa simplificara os trámites coa modificación normativa en vigor desde hai un ano.

A Xunta destina un orzamento bianual de 5M€, con fondos autonómicos, que poderán ser ampliados se o número de solicitudes excede a citada contía. Segundo explicou o delegado, esta axuda beneficiará a 24 concellos da provincia de Pontevedra. Ademais, cabe destacar que os beneficiarios poderán recibir as axudas antes de comezar as obras.

En concreto, as achegas están dirixidas a propietarios ou usufrutuarios de vivendas ou locais situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, co requisito de que a vivenda rehabilitada ou resultante (por cambio de uso) debe destinarse a domicilio habitual e permanente, ben do seu propietario ou en alugueiro, neste caso, durante un mínimo 5 anos.

A nova liña é compatible con outras da mesma finalidade, tanto convocadas por outra consellería da Xunta ou outra administración, sempre e cando a axuda non supere o custo total das actuacións. Neste senso, Reguera incidiu en que as achegas son compatibles coas de adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, de xeito que por exemplo, se pode adquirir unha vivenda abandonada con esta subvención e reformala con esta nova axuda que se convoca.

Por outra banda, no caso concreto das axudas do programa Fogar Vivo, non serán compatible coa axuda de reforma, pero os propietarios si poderán solicitar esta achega para cubrir o seguro de impago de rendas ou seguro multirrisco no fogar.

Obras subvencionables

A axuda cubrirá ata o 75% das obras, cun importe máximo de 30.000€, e as obras que se poderán acometer con estas achegas no marco da rehabilitación inclúen traballos de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética. Tamén as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Así mesmo, no custe total das actuacións subvencionables pódense incluír os honorarios da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, e os gastos derivados da tramitación administrativa. E tamén os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, que estean debidamente xustificados.

Outras liñas

A nova liña de axudas únese a outras medidas da Xunta para impulsar vivenda, como as achegas para adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes (con maior contía para os menores de 36 anos), as axudas para rehabilitar vivendas de titularidade municipal ou para rehabilitar vivendas en concellos con Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e para reformar vivendas situadas no Camiño de Santiago ou na Ribeira Sacra. Ademais, a Xunta puxo en marcha axudas para recuperar vivendas baleiras (ata 16.000 €) a través do programa Fogar Vivo.