Benvida da conselleira
A Xunta de Galicia asume como un obxectivo prioritario garantir o dereito á vivenda, que constitúe un dos piares básicos do noso estado de benestar. Nun contexto en que a vivenda se erixe como un motivo de preocupación para millóns de cidadáns en todo o mundo, as administracións públicas debemos ser activas na procura de medidas que permitan tanto facilitar o acceso a un fogar como mellorar a calidade, mellorando as condicións de habitabilidade e procurando, tamén, a sostibilidade ambiental.
A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, como parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas que teño a honra de presidir, segue con atención as necesidades dos cidadáns, planifica con rigor o mellor xeito de respondelas e ofrece un amplo catálogo de axudas e actuacións directas destinadas a mellorar as condicións de vida dos galegos.
No momento actual, facilitar o acceso á vivenda é prioritario para a Xunta e por iso estamos a desenvolver o compromiso de duplicar o parque de vivenda pública ao remate de 2008, para o que estamos a construír ou planificar preto de 4.000 novas vivendas de promoción pública xunto coas que xa se adquiriron ou se adquiran a particulares ou entidades. Na adxudicación destas vivendas terán especial presenza os menores de 36 anos, xa que a eles van dirixidas o 40 por cento das que se adxudiquen en réxime de alugueiro e o 25 por cento das destinadas a venda.
Ademais, nas grandes cidades e as súas áreas, onde se concentra a demanda, desenvolvemos solo para 25.000 novas vivendas, das que 20.000 serán protexidas.
Tamén dispoñemos de axudas para facilitar aos cidadáns o alugueiro ou a adquisición dunha vivenda, e medidas destinadas a propietarios, municipios, cooperativas e promotores de cara a incrementar o parque de vivendas.
No Goberno galego somos sabedores de que dispor dunha vivenda estable é un dos anhelos que comparten todos os cidadáns. É o lugar onde se arraiga a identidade, onde se acubilla a familia, onde se forxan proxectos e se constrúen soños.
É comprensible que a preocupación por acceder a unha vivenda adecuada sexa unha prioridade fundamental para moitas persoas e, polo tanto, desde as administracións públicas, no marco das nosas responsabilidades e posibilidades, debemos de facilitar ese acceso.
Así o estamos a facer desde a administración autonómica, apostando de forma cada vez máis decidida e ambiciosa por todas aquelas medidas que faciliten o acceso dos cidadáns a vivendas de calidade, sustentables e eficientes.
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas