Rueda anuncia a remisión ao Consello Consultivo do decreto que simplificará e axilizará a construción de vivenda a través da nova regulación das entidades de certificación de conformidade municipal
Destaca que esta medida se enmarca na aposta da Xunta “pola simplificación administrativa nun tema tan sensible como a vivenda”
A futura normativa da resposta a unha demanda de promotores, profesionais e cidadanía
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas salienta que o decreto permitirá “axilizar, simplificar e reducir os prazos” no eido da vivenda “garantindo a seguridade xurídica”
O decreto modificará o actual réxime de actuación das ECCOM, e o seu certificado terá a mesma validez e efectos que os informes xurídicos técnicos e municipais, que se entenderán substituídos por dita certificación
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asumirá as funcións relativas á autorización e rexistro de todas as ECCOM, no marco das súas competencias en materia de urbanismo
O proxecto de decreto polo que se regulan as ECCOM e o seu rexistro consta de 51 artigos estruturados en cinco capítulos, completando a mesma unha disposición adicional, unha transitoria, unha derogatoria e dúas disposicións finais
- Compartir
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Executivo autonómico acordou na súa reunión semanal remitir ao Consello Consultivo “o decreto que permitirá que as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) poidan simplificar trámites urbanísticos para acceder á vivenda”.
Rueda enmarca esta medida na aposta do Goberno galego pola “simplificación administrativa e nun tema tan sensible coma a construción de vivenda”. Ademais, lembrou que o futuro decreto busca dar resposta a crecente demanda de profesionais, promotores e cidadanía e busca “mellorar a coordinación entre administracións, reducir os tempos e as incertezas”.
Nesta liña, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou que o obxectivo do decreto é “axilizar, simplificar e reducir prazos” en materia de vivenda, pero “garantindo a seguridade xurídica” coa finalidade de “incrementar a oferta” de inmobles na comunidade, algo que é “unha prioridade para a Xunta”.
Con este paso, a Xunta encara a fase final da tramitación do próximo decreto polo que se regulan as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) e se crea o seu rexistro, o que permitirá simplificar e axilizar a construción de vivenda. O obxectivo é desenvolver o novo marco legal aplicable ás ECCOM mediante unha regulación única, integral e pormenorizada do réxime xurídico destas entidades e do seu rexistro, facilitando así a súa accesibilidade por toda a cidadanía e as administracións públicas.
O decreto constituirá unha oportunidade de mellorar, definir e avanzar nun desenvolvemento normativo completo das ECCOM.
A normativa establece que nas solicitudes de licencia urbanística acompañadas dun certificado ECCOM, esta certificación terá a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais, que se entenderán substituídos por ditas certificados. A nova regulación será de aplicación xeral.
Entre as repercusións sobre os cidadáns que a presente norma procura están as de outorgar seguridade xurídica tanto aos particulares como aos concellos nos supostos en que se actúe a través dunha ECCOM. Así mesmo, o obxectivo é tamén facilitar o coñecemento pola cidadanía das ECCOM autorizadas para exercer a súa actividade na comunidade autónoma mediante a creación do novo rexistro, que será xestionado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, competente en materia de urbanismo.
Con este novo trámite, o Executivo autonómico dá así hoxe un paso máis para desenvolver, mediante decreto o réxime xurídico das ECCOM e o seu rexistro, ao tempo que responde ao mandato recollido na Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
O proxecto de decreto someteuse a consulta pública previa entre o 14 de xaneiro e o 3 de febreiro deste mesmo ano, e publicouse no Portal de transparencia e goberno aberto da administración autonómica. Tamén se someteu a trámite de audiencia entre o 20 de marzo e o 10 de abril, remitíndose á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e a todos os colexios profesionais, colectivos e organismos interesados.
Todas as alegacións recibidas foron respostadas e, no seu caso, incorporadas ao texto do proxecto, sendo o proxecto resultante da fase anterior sometido a informe da asesoría xurídica xeral da Xunta.
O proxecto de decreto que se somete agora ao ditame do Consello Consultivo polo que se regulan as ECCOM e o seu rexistro consta de 51 artigos estruturados en cinco capítulos, completando esta regulación unha disposición adicional, unha transitoria, unha derogatoria e dúas disposicións finais.
Trala emisión do ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia, elevarase para a aprobación polo Consello da Xunta como Decreto.