Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia (VI501A)

Adquisición de vivenda
-
Prazo de solicitude
Prazo aberto

ACCESO AO PROCEDEMENTO VI501A NA SEDE ELECTRÓNICA DA XUNTA DE GALICIA

Os datos que figuran a continuación son orientativos. A información completa debe consultarse na normativa reguladora das axudas.

Obxecto

Aprobar as bases reguladoras e convocar para a anualidade 2026 o Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as seguintes modalidades:

  1. Modalidade A: Adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.

  2. Modalidade B: Adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado, en primeira transmisión.

Persoas beneficiarias
Modalidade A
  • Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

  • Ter subscrito con posterioridade ao 15 de outubro de 2025 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nestas bases. 

  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, o requisito do empadroamento só será esixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fora necesaria a súa rehabilitación.

  • Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.

  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

  • Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

  • Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

Tamén poderán solicitar a axuda aquelas persoas que, tendo presentada unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda na convocatoria do ano 2025, lles fose denegada por esgotamento do crédito. Neste caso deberán cumprir todos os requisitos sinalados, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

Modalidade B
  • Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

  • Ter subscrito con posterioridade ao 15 de outubro de 2025 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nas bases. O contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data.

  • Ter cumprido o requisito de ingresos que esixa a normativa reguladora das vivendas protexidas vixente no momento da súa adquisición.

  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

  • Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

  • Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

  • A persoa beneficiaria deberá ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida esixidos pola normativa reguladora destas vivendas.

Tamén poderán solicitar a axuda aquelas persoas que, tendo presentada unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda na convocatoria do ano 2025, lles fose denegada por esgotamento do crédito. Neste caso deberán cumprir todos os requisitos sinalados, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

Requisitos das vivendas adquiridas
Modalidade A

Para poder acceder ás axudas é preciso que:

  • A vivenda xa estea construída no momento da presentación da solicitude. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

  • A vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos.

  • Os prezos de adquisición non superen os seguintes límites:

    • No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, o prezo non deberá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, á data da publicación da convocatoria, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe e, nun 2%, no suposto de dispoñer de rocho.

    • No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo non deberá superar o prezo máximo previsto á data da publicación da convocatoria, para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I da Resolución de 2 de marzo de 2026, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de febreiro de 2026, computando unha superficie útil de 120 m2, e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe, e nun 2%, no suposto de dispoñer de rocho.

Modalidade B

Para poder acceder ás axudas é preciso que:

  • A vivenda xa estea construída no momento da presentación da solicitude. Ademais, ten que tratarse dunha adquisición en primeira adxudicación ou transmisión.

  • A vivenda teña sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.

  • O prezo máximo sexa o previsto na cualificación definitiva.

Contía das axudas
Modalidade A

A contía máxima da axuda terá o límite do 20% do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

A contía máxima da axuda será a seguinte:

  • Ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.

  • Ata 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

  • No suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.

No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe do 100% da vivenda.

Modalidade B

A contía máxima da axuda terá o límite do 20% do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

A contía máxima da axuda será a seguinte:

  • No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior:

    • Ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.

    • Ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

  • No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia:

    • Ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.

    • Ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe do 100% da vivenda.

Prazo de presentación das solicitudes

Desde o 15.04.2026 ás 09.00 horas ata o 15.10.2026 ás 14.00 horas.

Forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Procedemento de concesión

Concorrencia non competitiva

Prazo de resolución

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude.

Normativa relacionada

Resolución do 31 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501A)

 Extracto da Resolución do 31 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501A)

Documentos relacionados

Cadro resumo