A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, informou das actuacións que está a impulsar o Goberno galego en Navia
A Xunta inicia a construción de dous edificios para 56 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 11,7 M€
Allegue explicou que estes inmobles, cuxo remate se prevé no vindeiro 2026, están financiados maioritariamente con fondos propios da Xunta
Lembrou que estes edificios se suman aos inmobles de 46 vivendas públicas que a Xunta comezou a construír nos últimos meses no barrio vigués
Indicou que o Goberno galego seleccionou o ámbito de Ramón Nieto para o desenvolvemento dun novo Proxecto de Interese Autonómico para ao redor de 1.400 fogares máis na cidade
Vigo, 27 de marzo de 2025
A Xunta inicia a construción de dous novos edificios para 56 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 11,7 M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, informou hoxe destas actuacións e anunciou que o remate das obras se prevé no vindeiro 2026. Allegue remarcou que estes inmobles se executan con fondos maioritariamente da Xunta, pois do orzamento global – 11,7 M€ - máis dun 75 % son achega autonómica e o resto, fondos europeos. O primeiro inmoble, para 38 vivendas, por un importe de 8,2 M€, 76 % fondos propios da Xunta e o segundo por 3,6 M€ para 18 fogares, 73 % fondos propios da Xunta.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas lembrou que estes novos edificios súmanse aos inmobles de 40 e 46 vivendas públicas que a Xunta comezou en Navia nos últimos meses, acadando un total de 142 fogares en construción.
Allegue anunciou que esta mesma mañá a Xunta autorizou a adxudicación, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), da licitación da redacción do proxecto e dirección de obra para construír 51 novas vivendas no polígono 2.
A conselleira destacou que a Xunta avanza un paso máis no reto de duplicar o parque público de vivenda en Galicia, ata chegar ás 8.000 e informou de que a Xunta xa ten en marcha máis de 2.000 en distintas fases de execución.
Estratexia de solo residencial
A estas vivendas en Navia cómpre sumar as que se poidan construír nos ámbitos que se desenvolverán en Vigo a través da Estratexia de solo residencial, por un lado no ámbito do Ofimático, que permitirá a construción de 2.300 vivendas, por outro na zona de Ramón Nieto, zona seleccionada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, para desenvolver un segundo ámbito de solo urbanizable no concello.
Esta elección produciuse tras o correspondente estudo técnico de viabilidade, toda vez que no propio Plan xeral en tramitación xa figura previsto para ser impulsado por iniciativa pública e cunha maior porcentaxe de vivenda protexida, o que o fai máis propicio para o seu desenvolvemento por parte da Xunta de Galicia. O Goberno galego prevé a construción de ao redor de 1.400 fogares máis neste ámbito.