Rehabilitación
AREA REXURBE
- Compartir
A área Rexurbe é unha nova figura creada Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.
De acordo co establecido na citada lei, un área de intervención no medio urbano é un conxunto edificatorio urbano ou rural, continuo ou descontinuo, que precise dun apoio público para atender á rehabilitación ou á substitución dos edificios e mais á calidade ambiental e urbanística do ámbito. A intervención nestas áreas poderá comprender actuacións de renovación e mellora da urbanización, dos espazos públicos e das demais dotacións urbanísticas ou das infraestruturas e dos servizos urbanos, así como articular medidas sociais, ambientais e económicas que estean enmarcadas nunha estratexia administrativa global, integrada e unitaria.
As áreas Rexurbe son áreas de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características precisan dunha maior implicación da administración autonómica e local para dinamizar e revitalizar o seu ámbito.
Quen pode solicitar a declaración dun Área Rexurbe?
Os concellos que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural (BIC)
- Acreditar que o conxunto histórico está na seguinte situación:
- a) Un proceso de degradación arquitectónica, urbanística ou ambiental, motivada, entre outros factores, pola obsolescencia do parque edificado, pola inadecuación ás necesidades poboacionais, polos déficits notorios e xeneralizados na calidade das vivendas, polos equipamentos, as dotacións e os servizos públicos do ámbito, pola degradación ambiental da zona e pola falta de conservación de bens e conxuntos edificatorios suxeitos a calquera réxime de protección do patrimonio cultural.
- b) Situacións demográficas delicadas, derivadas dunha perda substancial ou dun envellecemento xeneralizado da poboación, ou por un crecemento excesivo non asumible urbanísticamente.
- c) Existencia de graves problemas económicos e sociais, desaceleración constante da taxa de actividade económica e porcentaxes significativas de poboación que perciba pensións asistenciais ou non contributivas ou en risco de exclusión social.
- O ámbito territorial de actuación poderá ser continuo ou descontinuo. En todo caso, o ámbito incluirá un mínimo de cincuenta inmobles con necesidades de intervención.
-
-
Sen prexuízo do sinalado nos puntos anteriores, poderá ser declarada área de rexeneración urbana de interese autonómico unha zona concreta especificamente delimitada e continua, comprendida nun ben de interese cultural e incluída previamente nunha área de rehabilitación integral, cando unicamente nesta zona concorran as circunstancias sinaladas no punto 1 e as súas dimensións espaciais e económicas sexan especialmente significativas en relación co conxunto, mantendo o resto do ámbito a súa declaración orixinaria.
Excepcional e motivadamente, poderanse declarar áreas de rexeneración urbana de interese autonómico outros ámbitos urbanos que, sen ter a consideración de ben de interese cultural, se atopen especialmente obsoletos e degradados nas condicións sinaladas no punto 1 e que polas súas características, a especial incidencia no ámbito urbano e a necesidade urxente de actuación así sexa acordado polo Consello da Xunta de Galicia.
Documentación para a solicitude:
Antes de presentar a solicitude o concello deberá contactar coa Dirección Xeral do IGVS para avaliar con carácter previo a proposta do ámbito, os requisitos e se lle facilitará unha ficha na que se indicarán estes factores aos efectos de poder presentar a proposta esixida pola Lei 1/2019, do 22 de abril:
- Delimitación do ámbito
- Proposta que conterá, de xeito detallado, a estratexia social, económica, urbanística e arquitectónica que se pretende levar a cabo para conseguir a efectiva recuperación e dinamización do ámbito.
Declaración da área Rexurbe:
A declaración da área Rexurbe corresponde ao Consello da Xunta de Galicia e deberase publicar no Diario Oficial de Galicia Adxudicación
Efectos da declaración de área Rexurbe e aprobación do Plan de dinamización:
Conforme ao establecido no artigo 55.3 da Lei 1/2019, do 22 de abril, a declaración de área Rexurbe permitirá que dentro do ámbito da área se poida optar ás medidas e aos instrumentos de financiamento previstos nesta lei e na normativa de desenvolvemento especificamente para as áreas de rexeneración urbana de interese autonómico.
A tal efecto, o concello deberá presentar o plan de dinamización regulado nos artigos 58 e seguintes do citado texto legal, que deberá ser aprobado por acordo do Consello da Xunta e publicado no DOG e nas páxinas web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e do concello.
O plan de dinamización é un instrumento de planificación que formulará un programa plurianual referido á totalidade do ámbito ou a algunhas das súas áreas, no que se integran actuacións a nivel arquitectónico dirixidas a fomentaren políticas de rehabilitación de edificios e de vivendas e a mellora do espazo público con outras a nivel económico e social.
O plan de dinamización ten como obxecto coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á dinamización e á rexeneración destes ámbitos, co impulso da recuperación da actividade económica, o fomento da mellora da habitabilidade das vivendas e das condicións de vida das persoas residentes, a procura de atraer novos habitantes e mais a garantía da conservación dos valores patrimoniais do conxunto e dos seus elementos singulares.
O IGVS, seguindo o mandato legal, elaborou conxuntamente coa Universidade de Santiago e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a través dun convenio asinado coas ditas entidades, un modelo de plan de dinamización que servirá como guía para a súa redacción e que porá a disposición do concello unha vez sexa declarada a área Rexurbe.
Ademais, o concello deberá contar cun centro de rexeneración urbana de interese autonómico (Centro Rexurbe), que será o punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da área Rexurbe, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización da área. Este centro deberá reunir os estándares mínimos dos medios materiais e humanos, así como os criterios, os requisitos e a solvencia técnica que determine o Consello da Xunta por acordo (artigo 70 Lei 1/2019, do 22 de abril).