Competencias
Ao Instituto Galego da Vivenda e Solo correspóndelle a realización da política de vivenda e solo da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e unha utilización do solo de acordo co interese xeral.
Thu Feb 11 12:27:00 CET 2021
- Compartir
En particular, de conformidade coa Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, correspóndenlle ao IGVS as seguintes funcións:
- Elaborar e propoñerlle á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas os plans e programas en materia de vivenda e solo.
- A promoción e xestión dos plans e programas indicados, aprobados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas .
- Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, o desenvolvemento e a xestión da política da vivenda e solo.
- A realización de estudios sobre oferta e demanda de vivendas e solo, estado do parque inmobiliario e residencial, patrimonio urbano e rural e, en xeral, cantos estudios e análises sexan necesarios para o establecemento da política de vivenda e solo, en colaboración coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas .
- A redacción e xestión de plans e proxectos técnicos urbanísticos que se desenvolvan directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou coa súa cooperación mediante calquera dos sistemas previstos na lexislación sobre urbanismo aplicable a Galicia. Esta actividade urbanística poderá abranguer tanto a promoción do solo e a renovación ou a remodelación urbana coma a realización de obras de infraestrutura e de dotación de servicios.
- A adquisición de solo por calquera título, mesmo por expropiación forzosa, dos terreos destinados á formación de reservas de solo, preparación de solares, dotacións e equipamento, fomento da vivenda ou calquera outra finalidade análoga de carácter urbanístico, así como para constituír reservas de terreos para o desenvolvemento e a xestión da política de vivenda.
- A promoción pública de vivendas de protección oficial e as súas edificacións complementarias e equipamentos; a redacción e supervisión de proxectos de vivendas en proxecto, en execución ou rematadas e a rehabilitación pública de vivendas e equipamentos, así como a aplicación do seu réxime de uso, conservación e aproveitamento.
- A administración, xestión, conservación e disposición do seu patrimonio de solo, vivendas, locais de negocio, edificacións complementarias e terreos sinalados no artigo 2 desta Lei. Para tal efecto, os bens que constitúan o patrimonio do Instituto como consecuencia do cumprimento das súas funcións non quedarán incorporados ó seu patrimonio inmobilizado, senón que se adscribirán ó mesmo co propósito de devolvelos ó tráfico xurídico, independentemente da súa contía.
- O arrendamento de bens mobles e inmobles.
- A constitución dun parque público de vivenda no ámbito da Comunidade Autónoma, inventariados e debidamente catalogados os módulos e calidades.
- Preparar e propoñer os plans plurianuais de vivenda. Unha vez aprobados polo Consello da Xunta, serán remitidos ó Parlamento para os efectos previstos no artigo 142.1 do Regulamento. As previsións para a vivenda urbana referiranse á rehabilitación do parque, á recuperación e protección dos cascos históricos e ó novo crecemento; establecerá previsións para a vivenda rural, en colaboración coas entidades locais, tendo en conta as necesidades existentes.
- O fomento da adquisición do solo e a súa urbanización, da construción de vivendas de protección oficial, así como da rehabilitación e construción de todo tipo de vivendas, e o impulso do réxime de alugueiro.
- O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá proceder á revisión da adxudicación das vivendas que, polo falseamento de datos, fosen concedidas ou ás que se lles outorgase calquera beneficio.
- A administración e xestión directa, ou mediante concertos, das fianzas legalmente establecidas nos supostos de arrendamento de vivendas e locais de negocio e contratos de subministración.
- O fomento da mellora e da rehabilitación da vivenda rural.
- O fomento e a promoción de cooperativas para a construción de vivendas.
- A xestión de tódolos dereitos e obrigas que por subrogación nas funcións do Instituto para a Promoción Pública da Vivenda se adscriban ó seu patrimonio e aquelas que se lles encomenden regulamentariamente.
- A obtención de reservas de solo para uso público e social. Para tal efecto poderanse establecer convenios ou instrumentos xurídicos análogos coas entidades locais e particulares. Os ditos convenios deberán conter as previsións urbanísticas dos terreos que se van adquirir e os recursos que o Instituto vaia destinar a tal fin, e o compromiso da Corporación respectiva de facelos efectivos a través dos procedementos establecidos.
- O estudio de novas tecnoloxías aplicadas á construción de vivendas, así como a inspección e o control de calidade da edificación.
- O exercicio de calquera outra función técnica, material ou xurídica que, en relación coas materias da súa competencia, se lle encomende ou lle competa ao propio Instituto no marco da presente Lei.
Así mesmo, en materia de solo empresarial lle corresponde ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, de conformidade coa Lei 5/2017, de 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, as seguintes funcións:
- A proposta de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión da política en materia de chan empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa execución e avaliación.
- A planificación, desenvolvemento e xestión do chan empresarial no ámbito autonómico.
- A elaboración, promoción e xestión de plans e programas de promoción, adquisición e posta no mercado do chan empresarial que incentive o asentamento de empresas, a dinamización económica e o equilibrio territorial.