A Xunta licita as obras dun novo edificio de 49 vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, que suporán un investimento de 8,1M€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destas obras e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 16 de marzo
Allegue salientou que este edificio se suma a outro de 75 vivendas no Bertón, cuxas obras se veñen de licitar este mesmo mes por un investimento de preto de 14M€
Lembrou que o Executivo autonómico ten en marcha xa un total de 353 novas vivendas públicas en Ferrol, xa en obras 2 edificios no Bertón, para 48 fogares
Recordou que a Xunta, coa Federación Galega de Construción, deu conta onte dun calendario de licitacións para 2026, cun investimento de 500M€ para avanzar na execución de vivenda pública
Ferrol, 30 de xaneiro de 2026
A Xunta licita as obras dun novo edificio de 49 vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, que suporán un investimento de 8,1M€. Así o destacou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, se achegou á cidade departamental.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a lictación destas obras e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 16 de marzo. Neste sentido, a conselleira subliñou a dilixencia deste procedemento, pois o luns o Consello da Xunta autorizaba esta actuación e tan só 4 días despois comeza a súa contratación.
Allegue salientou que este edificio hoxe detallado se suma a outro de 75 vivendas no Bertón, cuxas obras tamén se veñen de licitar este mesmo mes por un investimento de preto de 14M€. Para este outro inmoble, aínda está aberto o prazo de presentación de ofertas ata o próximo 2 de marzo. O Goberno galego está a mobilizar máis de 22M€ galego só nestes dous inmobles de vivenda pública en Ferrol.
Puxo o acento no pulo que a Xunta está a dar á vivenda en Ferrol, un impulso que contribuirá ao crecemento e á revitalización desta cidade.
Lembrou que o Executivo autonómico ten en marcha xa un total de 353 novas vivendas públicas en Ferrol, xa en obras 2 edificios no Bertón, para 48 fogares.
A conselleira resaltou que a Xunta está a traballar de xeito coordinado co sector para sumar esforzos e facilitar o acceso da cidadanía a un fogar. A este respecto, recordou que onte o Goberno galego, coa Federación Galega de Construción, deu conta dun calendario de licitacións para este ano 2026, no que se prevé a mobilización dun investimento de 500M€ para avanzar na execución de vivenda pública.