REHABILITACIÓN
Rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal (VI422F)
- Compartir
A Lei de vivenda de Galicia dispón que o patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria. Tamén no seu artigo 91 de dita lei establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas públicas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes
Moitos concellos de Galicia dispoñen dun patrimonio edificatorio que pode ser obxecto dun uso residencial mediante as oportunas actuacións de rehabilitación. Por outra banda, o proceso de despoboamento da zona rural fai necesaria unha política encamiñada a fixar poboación nestas zonas, sendo a vivenda unha necesidade básica para este cometido.
Persoas beneficiarias
Concellos de Galicia de menos de 30.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, e as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
Solicitude das axudas
A solicitude da axuda deberá realizala o concello, que garantirá a dispoñibilidade de fondos para cubrir o 5 % adicional do presuposto necesario para a actuación prevista.
Actuacións subvencionables
- Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderanse contemplar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
- As obras de rehabilitación dirixidas á ampliación de edificacións e vivendas incluídas nun proxecto de rehabilitación, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade.
- As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras incluiranse os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
- Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes as obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria, con excepción das facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a amoreamentos de material previos e a pagamentos anticipados.
Requisitos das actuacións subvencionadas
- Que todas as actuacións a realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.
- Que as actuacións non estean rematadas á data da presentación da solicitude.
- Para o caso de actuacións plurianuais, será necesario que o inicio das actuacións se realice no exercicio que se determine na correspondente convocatoria.
Contía das axudas
As axudas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada, ou de 55.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou no ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra. No suposto de que a edificación a rehabilitar estivera situada nun ámbito declarado Área Rexurbe, as citadas con cantidades incrementaranse en 2.000 euros por vivenda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o día 3 de xuño de 2025 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS