A Xunta adxudica o proxecto para rehabilitar o primeiro inmoble adquirido en Tui no marco do programa Rexurbe para ampliar o parque público de vivendas
Investirá preto de 48.000 € na redacción do proxecto e na dirección da obra
As persoas interesadas en vender os seus inmobles neste municipio poden presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo ata o vindeiro 15 de xullo
O Goberno galego xa é propietario doutros 3 inmobles e dispón de 200.000 euros máis para novas adquisicións en 2022
- Compartir
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia destinará 47.916 euros á redacción do proxecto de rehabilitación do inmoble emprazado na rúa Bispo Castañón 20, en Tui, adquirido no marco do programa Rexurbe.
O instituto Galego da Vivenda e Solo adxudicou a redacción do proxecto ao estudo Olaarquitectura, S.L.P. e terá unha duración de dous anos e medio xa que, ademais da redacción do proxecto, inclúe a dirección das obras de rehabilitación.
O inmoble que se vai rehabilitar en Tui foi adquirido na oferta pública de adquisición do programa Rexurbe en 2019, cun custe de 100.095 euros.
O IGVS é propietario doutros tres inmobles en Tui, adquiridos en 2021, que se atopan emprazados na rúa San Telmo 44 e na rúa Cuenca 18 e 42. O investimento realizado na adquisición destes tres inmobles foi de 202.366,78 euros.
Por outra parte, o IGVS fixo pública a oferta pública de adquisición de inmobles corresponde a 2022. Para adquirir inmobles en Tui este ano dispón de 200.000 euros, estando o prazo de presentación de ofertas aberto ata o 15 de xullo próximo.
A oferta de adquisición para 2022 foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 8 de abril de 2022. As persoas interesadas na venda dalgún inmoble da súa propiedade deben dirixir un escrito á dirección xeral do IGVS, axuntando a documentación que se indica na oferta publicada no DOG, dentro do prazo establecido.