A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas clausurou a xornada Taller de Traballo sobre promoción de vivenda con madeira. Resultados de experiencias en España, ao abeiro da colaboración coa Consellería de Economía e Industria
M. Allegue salienta a aposta da Xunta polo emprego de madeira galega na obra pública ao ser unha solución sostible e eficiente
A conselleira lembrou que o departamento que dirixe asinou recentemente dous convenios coa Axencia Galega de Industria Forestal para fomentar o uso deste material no elevado volume de obra prevista no eido da vivenda e das infraestruturas
Fixo fincapé no reto do Goberno galego de executar 4.000 vivendas públicas máis nestes catro anos, das que xa están en tramitación e execución máis de 1.600
Citou os 4 bloques de residenciais colectivos de vivenda pública en Navia (Vigo), nos que se licitou proxecto e obra mediante técnicas industrializadas, primando o uso da madeira
Detallou que a madeira tamén está presente nos novos centros de saúde do Porriño, Moaña ou Abegondo, que impulsa a Xunta
Remarcou a importancia da colaboración público-privada para seguir avanzando nestes desafíos e acadar os mellores resultados
- Compartir
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salientou hoxe a aposta da Xunta polo emprego da madeira galega na obra pública ao ser unha solución sostible e eficiente.
M. Allegue clausurou hoxe a xornada Taller de Traballo sobre promoción de vivenda con madeira. Resultados de experiencias en España, organizadas coa Consellería de Economía e Industria.
Neste encontro, no que profesionais da arquitectura, das administracións e consultoras achegaron as súas experiencias neste ámbito, a conselleira recordou que a Xunta, a través de varias consellerías, está a avanzar na folla de ruta da introdución da madeira na construción para os vindeiros anos.
Concretou o compromiso firme de incorporar a madeira de xeito progresivo na obra pública e para isto, a Consellería de Vivenda asinou recentemente dous convenios coa Axencia Galega de Industria Forestal para fomentar o uso deste material no elevado volume de obra prevista no eido da vivenda e das infraestruturas.
Sinalou que xa se están a dar pasos importantes para utilización da madeira nas construcións, tanto na execución de novos edificios, coma en rehabilitación.
Fixo fincapé no reto do Goberno galego de executar 4.000 vivendas públicas máis nestes catro anos, das que xa están en tramitación e execución máis de 1.600.
Citou exemplos en marcha como os 4 bloques de residenciais colectivos de vivenda pública en Navia (Vigo), nos que se licitou conxuntamente proxecto e obra mediante técnicas industrializadas, primando o uso da madeira.
Como criterio xeral, indicou que o IGVS emprega a madeira en actuacións de rehabilitación de edificios en cascos históricos e núcleos tradicionais. Referiuse a elementos que constitúen a estrutura horizontal e de cuberta dos edificios, utilizando vigas de madeira apoiadas nos muros de carga; á carpintería exterior dos edificios ou ao uso en últimas plantas, áticos ou voadizos.
A conselleira detallou que a madeira tamén está presente nos novos centros de saúde que impulsa a Xunta, como os casos do Porriño, Moaña ou Abegondo.
Chamou á colaboración público-privada para seguir avanzando nestes desafíos e acadar os mellores resultados. Neste sentido, a Xunta continuará mantendo un constante contacto con empresas para coñecer as súas inquedanzas e aprender das súas experiencias