A Xunta autoriza a licitación por 2,6 M€ dos Proxectos de Interese Autonómico para desenvolver solo no que construír as primeiras 15.000 vivendas
Rueda salienta que a contratación enmárcase na primeira fase de execución da Estratexia Galega de Solo Residencial, que prevé desenvolver solo “que permita a construción de 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres”
Estes proxectos abordarán o desenvolvemento dos primeiros 1,5 millóns de metros cadrados de solo en ámbitos dos concellos da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Arteixo
Destaca que a declaración PIA “permitirá axilizar” os trámites e “simultanear as obras de urbanización e edificación”
- Compartir
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello autorizou a licitación, por importe de 2,6M€, da redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial onde construír as primeiras 15.000 vivendas en sete concellos galegos.
Tal e como explicou, esta contratación enmárcase na primeira fase de execución da Estratexia Galega de Solo Residencial posta en marcha polo Goberno galego, que prevé desenvolver solo “para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres”. En concreto, a licitación autorizada polo Goberno galego inclúe a redacción dos proxectos de interese autonómico, do proxecto de expropiación e de parcelamento, para a obtención de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas nos concellos.
Estes primeiros proxectos onde se sitúa a metade do solo previsto na Estratexia desenvolveranse en ámbitos dos concellos da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Arteixo que suman 1,5 millóns de metros cadrados de superficie.
Os ámbitos foron escollidos tras os contactos mantidos pola Xunta cos concellos para identificar zonas de solo sen desenvolver para seren xestionadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Este organismo seleccionou os máis axeitados entre os propostos polos concellos e realizou os estudos de viabilidade para determinar os espazos onde actuar.
Co obxecto de “facilitar unha execución más rápida”, adaptada ás necesidades e impulsada e tutelada pola Xunta, estas actuacións de desenvolvemento de solo residencial execútanse ao abeiro de Proxectos de Interese Autonómico (PIA). Cabe lembrar que, no marco das medidas extraordinarias incluídas na Lei de acompañamento aos orzamentos de 2025, o Goberno galego introduciu melloras nesta figura para axilizar estas actuacións de creación de solo residencial de promoción pública, “co fin de reducir á metade os prazos de emisión de informes autonómicos e poder simultanear as obras de urbanización e edificación dos futuros inmobles”.
Aos citados solos previstos nesta licitación, súmanse os que xa están en execución. En Vigo estase a desenvolver solo para 1.600 vivendas, nos tres polígonos de ampliación de San Paio de Navia. O polígono 1 está en obras e o 2 conta xa con obra licitada.
No caso da Coruña, está en tramitación a modificación do planeamento para desenvolver solo no que se construirán 520 vivendas protexidas en Xuxán, mentres que en Ferrol hai solo dispoñible para 658 vivendas no Bertón, ademais do correspondente ás 369 vivendas agora mesmo en marcha. E, en Lugo hai solo dispoñible para 404 vivendas en Garabolos, ademais do correspondente ás 146 en execución.
Ademais, a Xunta ten nestes momentos en estudo outros ámbitos nas áreas urbanas das sete grandes cidades galegas e noutros concellos das súas contornas, nos que se concentra a maior parte da demanda de vivenda protexida, para continuar a licitación dos seus proxectos.
Estratexia Galega de Solo Residencial
A Estratexia Galega de Solo Residencial desenvolverase en dúas fases. Na actual primeira fase, que abranguerá ata 2028, abordarase a planificación, a adquisición de solo, a redacción de proxectos e os acordos con concellos, mentres que na segunda, a partir dese ano, se procederá á execución das obras de urbanización, a comercialización das parcelas e a execución das edificacións.
Esta estratexia únese ao compromiso da Xunta para duplicar ao longo desta lexislatura o parque público residencial, para pasar das actuais 4.000 ás 8.000 vivendas. Neste momento, xa ten en marcha máis de 1.600.