A Xunta recibe 9 ofertas para a execución das obras de 14 novas vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán
As obras de construción do edificio saíron a licitación por importe de 3,1M€
O inmoble a construír, de dúas plantas de altura, contará con vivendas de 2 dormitorios, 22 prazas de aparcamento e 14 rochos
A Xunta xa ten en marcha 144 vivendas de promoción pública no barrio coruñés
- Compartir
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu nove ofertas para a execución das obras dun inmoble de 14 novas vivendas de promoción pública (VPP) no barrio coruñés de Xuxán.
O contrato, que se licitou por importe de 3,1M€, permitirá e execución dun edificio de baixo e dúas plantas de altura na parcela Z-06 de Xuxán, para destinalo a 14 vivendas de 2 dormitorios, cunha superficie útil de entre 65,83 m2 e 79,52 m2. Ademais disporá de 22 prazas de aparcamento e 14 rochos. O acceso ao portal realizarase desde a rúa Milagros Rey Home.
En canto á organización do inmoble, na planta baixa habilitaranse 4 vivendas e nas dúas plantas altas atópanse as 10 vivendas restantes. Na planta soto organízase o garaxe comunitario, coas 22 prazas de aparcamento, os cuartos de instalacións e os 14 rochos. O acceso ao soto realízase desde a mesma rúa que o portal.
Con esta contratación, o número de vivendas de promoción pública neste barrio da Coruña acadan as 144, das que 40 xa foron entregadas aos adxudicatarios.