Nace a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que celebra o seu primeiro consello de administración
A sociedade ven de inscribirse no rexistro mercantil, de tal xeito que queda constituída formalmente, con estatutos e cun organigrama encabezado pola conselleira de Vivenda e Planificación de infraestruturas
O novo ente, resultante da escisión de Xestur, xestionará a promoción de 2.350 novas vivendas de promoción pública ata 2028
Esta separación de actividades de Xestur simplificará a estrutura organizativa de cada unha das sociedades o que conferirá unha maior eficacia no seu funcionamento
- Compartir
Santiago de Compostela 19 de novembro de 2024
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ven de acoller o primeiro consello de administración da sociedade Vivenda Pública de Galicia, cuxa presidencia ostenta a conselleira María Martínez Allegue, quen destacou “o importante cometido da sociedade que xestionará a promoción de 2.350 vivendas de promoción pública que deberán estar rematadas antes de que remate esta lexislatura”.
Na primeira reunión do consello de administración, composta por sete membros, se deu conta da constitución oficial do novo ente, resultado da escisión de Xestur, do reparto das competencias de vivenda e solo residencial e de solo empresarial. Esta separación de actividades simplificará a estrutura organizativa de cada unha das sociedades o que conferirá unha maior eficacia no seu funcionamento.
As vivendas construídas pola sociedade serán cualificadas como de promoción pública, co mesmo réxime xurídico que as construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e serán adxudicadas a través do Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.
A nova sociedade depende da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e está tutelada funcionalmente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.