A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu nas xornadas ‘Cara a unha Axenda Territorial de Galicia. Integración urbana e rural’
M. Allegue inaugura o foro que abordará as claves da Axenda Territorial de Galicia para as vindeiras décadas
As xornadas desenvolveranse os vindeiros días na sede da Fundación RIA e contarán coas achegas de expertos do urbanismo, da mobilidade ou da vivenda
A conselleira subliñou a importancia da escoita aos axentes implicados na ordenación do territorio para concretar os desafíos e acertar na xestión
Salientou os obxectivos de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio, contribuír á cohesión social e protexer e potenciar o patrimonio
- Compartir
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, inaugurou as xornadas nas que se abordarán as claves da Axenda Territorial de Galicia para as vindeiras décadas.
M. Allegue, acompañada da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, interveu nas xornadas ‘Cara a unha Axenda Territorial de Galicia. Integración urbana e rural’.
As xornadas, celebradas na sede da Fundación RIA, presidida por David Chipperfield, desenvolveranse os vindeiros catro días e contarán coas intervencións de expertos do urbanismo, da mobilidade, da vivenda ou da cohesión social. Nas distintas mesas reuniranse experiencias de éxito nacionais e internacionais e tamén locais.
Nestes encontros terá lugar o intercambio de experiencias sobre asuntos como a singularidade territorial galega, conxugando o urbano e o rural; o equilibrio entre a contorna construída e o natural; o sistema de circularidade; a investigación e formación; a gobernanza ou a planificación vinculante da política estratéxica e a realidade.
A conselleira remarcou que estes coloquios permitirán consensuar os posicionamentos, tamén sobre o proceso de cogobernanza dos actores públicos e privados ligados a o territorio.
Subliñou que a Xunta aposta pola escoita aos axentes implicados na ordenación e protección do territorio, co fin de concretar os desafíos e poder acertar na toma de decisións, tanto políticas coma de xestión.
Trátase da segunda fase dun programa de diálogo con varios sectores que a Xunta comezou en 2022 e que este ano avanza para concretar estratexias para o desenvolvemento e a protección do territorio galego nas próximas décadas. Neste sentido, agradeceu a colaboración e o apoio da Fundación RIA e do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) neste procedemento.
A responsable de Vivenda concluíu destacando a importancia de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio, contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación e protexer e potenciar o patrimonio.