A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe as catro vivendas acadadas mediante a recuperación de dúas antigas escolas unitarias
A Xunta inviste 150.000€ na rehabilitación de dúas vivendas en Curtis para destinalas a alugueiro social
Trátase da restauración das antigas escolas de Padreiro e da Espiñeira, que se transformaron en catro fogares con alugueiros a prezos accesibles
María M. Allegue sinalou que estas actuacións se acometeron coa colaboración das axudas da Xunta para recuperar edificios municipais en desuso
Detallou que nos últimos 7 anos o Goberno galego concedeu subvencións para a rehabilitación de 206 vivendas de titularidade municipal por valor de 7,8M€
Remarcou que estas rehabilitacións permiten incrementar o parque residencial á disposición dos colectivos máis vulnerables, así como coidar o patrimonio do rural
Lembrou que a Xunta tamén outorgou a 6 veciños de Curtis axudas para a adquisición de vivendas para menores de 36 anos, cunha suma global que ascendeu a 53.000€
- Compartir
Curtis (A Coruña), 2 de outubro de 2024
A Xunta inviste 150.000€ na rehabilitación de dúas vivendas en Curtis para destinalas a alugueiro social.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe dúas antigas escolas unitarias que se veñen de transformar en 4 fogares para veciños deste municipio.
Trátase da restauración das antigas escolas unitarias de Padreiro e da Espiñeira, que agora van ser dedicadas a vivendas sociais. Son inmobles perfectamente equipados que converterán en vivenda habitual e permanente para unidades de convivencia con escasos recursos económicos.
María M. Allegue sinalou que estas actuacións se acometeron coa colaboración das axudas de rehabilitación que a Xunta concede para recuperar edificios municipais en desuso, como por exemplo, estas vivendas de mestres.
Cómpre recordar que a Xunta conta cunha liña de axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes para recuperar edificios municipais sen uso; e outra liña de subvencións para municipios de menos de 10.000 habitantes, enfocadas a restaurar infravivendas no rural.
Detallou que nos últimos 7 anos o Goberno galego concedeu axudas na comunidade para a rehabilitación de 206 vivendas de titularidade municipal por valor de 7,8M€. Sumadas as subvencións outorgadas para recuperar infravivendas no rural, o Executivo autonómico mobilizou preto de 10M€ para apoiar a máis dun cento de concellos na intervención en 355 inmobles.
Remarcou que estas rehabilitacións froito das citadas subvencións permiten ir incrementando o parque residencial á disposición dos colectivos máis vulnerables.
Lembrou que a Xunta tamén outorgou a 6 persoas, axudas para a adquisición de vivendas para menores de 36 anos, no concello de Curtis, cunha suma global que ascendeu a 53.000€.
Ademais, este municipio foi tamén beneficiario no marco de fondo de cooperación, o ano pasado, dun préstamo superior aos 628M€ para a rehabilitación e ampliación de edificación para usos públicos.
Puxo en valor “estas rehabilitacións que non só dan como froito fogares, senón que tamén coidan e poñen en valor un patrimonio tan importante como as escolas rurais, nas que moitas xeracións comezaron o camiño de aprender”.