A Xunta licita a rehabilitación de 4 edificios que permitirá habilitar 14 vivendas para alugueiro social en Ourense, Ribadavia e Tui
A contratación realízase en 3 lotes, cun investimento global de 3,2 M€, e as empresas poden presentar ofertas ata o 20 de setembro
Os inmobles están emprazados nos conxuntos históricos destes concellos e foron adquiridos pola Xunta no marco do Programa Rexurbe
En Ourense rehabilitaranse dous inmobles, un na praza de Manuel Sueiro 3 -esquina Liberdade 28, para crear 5 vivendas, unha delas adaptada; e outro na rúa Pelaio 9, para crear outra vivenda
No concello de Ribadavia acondicionarase un edificio na praza García Boente 1, para destinalo a 5 vivendas de promoción pública
En Tui abordarase a rehabilitación integral dun inmoble na rúa Bispo Castañón 20, para dedicalo a 3 vivendas
- Compartir
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024
A Xunta vén de licitar as obras de rehabilitación de catro edificios para crear 14 vivendas para alugueiro social no casco histórico de Ourense e nos cascos dos concellos de Ribadavia e Tui. O investimento total ascende a preto de 3,2 M€ e as empresas teñen de prazo ata o 20 de setembro para presentar as súas ofertas.
Os citados catro inmobles foran adquiridos pola Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no marco do Programa Rexurbe por un importe de 633.359 €. Agora, a licitación destas obras divídese en tres lotes distintos, un por municipio, e ademais das 14 vivendas habilitaranse nos edificios 3 locais.
Todas as vivendas rehabilitadas pasarán a formar parte do parque público de vivendas da Xunta e serán adxudicadas en réxime de alugueiro social recorrendo ás persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.
O primeiro lote corresponde ás obras de rehabilitación integral de dous edificios na cidade de Ourense. Un deles está situado na praza de Manuel Sueiro 3 -esquina Liberdade 28, no casco histórico, e destinarase a 5 vivendas de promoción pública (unha delas adaptada), ademais de 5 rochos e 1 local. O orzamento de licitación ascende a 1,1 M€.
Este edificio a rehabilitar procede da agregación das parcelas situadas na rúa Liberdade 28 e na praza Manuel Sueiro 3 que foi aprobada polo Concello de Ourense en base ao Estudo de detalle presentado polo IGVS.
O segundo inmoble sitúase na rúa Pelaio 9, tamén no casco histórico de Ourense, e destinarase a 1 vivenda de promoción pública. Consta de planta baixa, tres plantas e baixo-cuberta e o orzamento de licitación achégase aos 253.000 euros.
No concello de Ribadavia reformarase un edificio en esquina, situado no ámbito do casco histórico, concretamente na praza García Boente 1, para destinalo a 5 vivendas de promoción pública, 5 rochos e 1 local. O orzamento da licitación é de 1,1 M€.
E en Tui, na provincia de Pontevedra, licítanse as obras de rehabilitación integral dun inmoble na rúa Bispo Castañón 20, no casco histórico da vila, para dedicalo a 3 vivendas de promoción pública, 3 rochos e 1 local. O orzamento de licitación da obra ascende a preto de 692.000 euros.
Todos os proxectos compren o Real decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.
Con este novo contrato o Goberno galego, ademais de incrementar o parque de vivenda de promoción pública na comunidade autónoma, segue a traballar mediante a rehabilitación e a promoción en cascos históricos, na rexeneración destas entornas e a fixación de poboación nas mesmas.