Ana Ortiz entrega as chaves dunha vivenda pública en alugueiro na avenida de Galicia de Vigo
A delegada da Xunta destaca que a vivenda foi recentemente reformada cun investimento de preto de 35.000 €
- Compartir
Vigo, 9 de agosto de 2024
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, entregou este venres as chaves dunha vivenda de promoción pública na Avenida de Galicia da cidade olívica en réxime de alugueiro.
Durante o acto, a representante autonómica indicou que se trata dunha vivenda con catro dormitorios cunha superficie útil de 77,80 metros cuadrados que conta, ademais, con garaxe e rocho e que, coa entrega das chaves, pasará a ser o fogar dunha unidade familiar de 6 membros. “Estamos a cumprir cunha das prioridades do Goberno galego é facilitar o acceso á vivenda aos galegos, particularmente a través da posta en disposición dun parque público de vivendas en alugueiro da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para os colectivos con maior grao de dificultade de acceso”, sinalou.
Segundo destacou Ana Ortiz, o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 parte da participación de todas as entidades, institucións e asociacións representadas e implicadas nunha estratexia de actuación pública en materia de vivenda e, entre as medidas consensuadas atópase o dispoñer dun parque público de vivendas da súa propiedade que son adxudicadas en réxime de alugueiro e que están orientadas preferentemente a unidades familiares ou de convivencia con ingresos familiares limitados.
Este parque de vivendas, salientou, permiten unha maior rotación na súa ocupación e unha mellor adaptación entre os requisitos dos adxudicatarios e a finalidade das vivendas. Neste sentido, incidiu, estase a investir recurrentemente no mantemento e adecuación destas vivendas públicas destinadas ao alugueiro para garantir a súa permanente dispoñibilidade en condicións adecuadas de uso. Así, nesta vivenda investiuse preto de 35.000 € na reforma total do inmoble en capítulos como as carpinterías, electricidade, dotación de equipamentos ou alicatados.
A representante autonómica explicou tamén que o Goberno galego segue avanzando no seu compromiso da mellora da situación do mercado da vivenda, e na Estratexia de vivenda pública e protexida que prevé, nesta lexislatura, duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver chan para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 vivendas libres.