Axudas para promoción de vivenda en alugueiro
Programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na comunidade autónoma de Galicia(VI435D)
- Compartir
A Resolución do 22 de abril de 2025 ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia e proceder a súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2025 (Código de procedemento VI435D).
A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Modalidades da axuda
- Modalidade A: Promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian a destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, vinte anos. Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio ou, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, dende a data da súa cualificación definitiva.
- Modalidade B: Promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación dirixidas á compravenda.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación e as cooperativas de vivendas en réxime de autopromoción ou autoconstrución, que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras.
Contía das axudas
1. Na modalidade A concederase unha axuda proporcional á superficie útil, tanto privativa do aloxamento ou da vivenda como dos espazos comúns e de interrelación, de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 50.000 euros por vivenda. Se a axuda solicítase soamente para unha parte das vivendas dunha promoción, o importe máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil aplicarase á superficie privativa dos aloxamentos ou das vivendas obxecto da axuda e á parte proporcional da superficie útil de espazos comúns e de interrelación.
En ningún caso computarase como superficie de espazos comúns a destinada a portais, descansillos e/o escaleiras.
2. Na modalidade B a contía máxima desta subvención non poderá superar o límite máximo de 10.000 euros por vivenda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles dende o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2025.
En concreto o prazo comeza o 08/05/2025 e remata 30/09/2025.
Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgotara o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.