
Presentación
PROGRAMA DE AXUDAS AO ALUGUEIRO DE VIVENDA DO PLAN ESTATAL PARA Ó ACCESO Á VIVENDA 2022-2025
- Compartir
O Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula bono alugueiro á mocidade e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, no capítulo III do seu título II establece un Programa de axuda ao alugueiro de vivendas, o cal ten por obxecto facilitar o goce dunha vivenda en réxime de alugueiro a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.
Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas contempladas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
- Posuír a nacionalidade española ou a de algún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
- Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.
- Que a vivenda arrendada constitúa a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, no que conste, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.
- Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos no ordinal oitavo destas bases reguladoras.
- Que a suma total das rendas anuais das persoas que teñan o seu domicilio habitual ou permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grado recoñecido igual ou superior ao 33%.
- Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.
- As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:
- Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos non se considerará que se é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e se obtivera por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito quen, sendo titular dunha vivenda, acredite a non dispoñibilidade dela por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da unidade de convivencia.
- Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora.
- Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
- Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera outra administración pública.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ás que se lles revogara algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.
Documentación que se debe presentar coa solicitude
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.
b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro. O contrato que se presente deberá ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.
c) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da súa unidade de convivencia. As persoas integrantes da unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude. As persoas que figuren no xustificante de empadroamento conxunto deberán constar no anexo II.
d) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia distintas da persoa solicitante e de comprobación dos datos necesarios para tramitación do procedemento.
No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.
e) No caso de non presentar declaración do IRPF ou percibir algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, deberá achegarse a seguinte documentación xustificativa:
1º. Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no exercicio económico previsto na correspondente convocatoria, de ser o caso.
2º. Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS) relativo ao exercicio económico previsto na correspondente convocatoria, de ser o caso.
3º. Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario, de ser o caso.
4º. Certificado da contía percibida pola renda de integración social de Galicia, de ser o caso.
f) No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, copia da declaración similar á do IRPF autenticada pola correspondente delegación consular e, de ser o caso, o certificado acreditativo de equivalencia en euros do importe declarado.
g) No caso de que algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:
1º. Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite dita circunstancia, de ser o caso.
2º. Documentación que acredite que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.
3º. Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa solicitante ou dalgunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.
h) No caso de que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en territorio español, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa.
i) Extracto ou certificado bancario acreditativo do pagamento da renda das mensualidades correspondentes, no suposto de que o recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo.
j) No caso de familias numerosas, título de familia numerosa, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
k) Certificado de discapacidade, con indicación do seu grao, da persoa solicitante e/ou das persoas que integran a súa unidade de convivencia, de ser o caso e para o suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
l) Acreditación da condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
Contía e duración das axudas
1. Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda do 50% da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente.
2. A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.
3. Se na renda do contrato se incluísen os gastos de comunidade e os seus custos non estivesen desagregados, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención valorarase o importe dos gastos de comunidade como un 5 % do importe da renda e descontarase do seu total para aplicarlle a porcentaxe de subvención do 50%.
Así mesmo, se no contrato se incluísen anexos, como garaxes ou rochos, e o prezo de cada un deles non estivese desagregado, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe da vivenda como un 80% do total da renda, cando esta inclúa vivenda e garaxe, 95% cando se inclúa vivenda e rocho, e 75 % cando se inclúa vivenda, garaxe e rocho.
4. A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de cinco anos. Non obstante, para poder desfrutar das anualidades do segundo e posteriores anos deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou, de ser o caso, da última renovación concedida. Para estes efectos, deberase achegar a documentación especificada no ordinal décimo cuarto.
5. O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, si así se acorda na correspondente convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2023 e terminará o día 5 de maio de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.
2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.