
Rehabilitación
AREA REXURBE
- Compartir
Obxecto
O plan de dinamización é un instrumento de planificación que, no marco dunha área Rexurbe, formulará un programa plurianual referido á totalidade do ámbito ou a algunhas das súas áreas, no que se integran actuacións a nivel arquitectónico dirixidas a fomentaren políticas de rehabilitación de edificios e vivendas e a mellora do espazo público con outras a nivel económico e social.
O seu obxecto é coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á dinamización e á rexeneración destes ámbitos, co impulso da recuperación da actividade económica, o fomento da mellora da habitabilidade das vivendas e das condicións de vida das persoas residentes, a procura de atraer novos habitantes e mais a garantía da conservación dos valores patrimoniais do conxunto e dos seus elementos singulares.
Contido
Os plan de dinamización conterá, cando menos, as seguintes determinacións:
a) A delimitación do ámbito obxecto da actuación, que poderá ser continuo ou descontinuo, de acordo co establecido na declaración da área.
b) A descrición dos obxectivos que se perseguen coa formulación do plan.
c) A análise do ámbito de actuación e a diagnose dos problemas existentes que obstaculicen ou impidan a súa rexeneración, que debe abarcar, como mínimo, os seguintes aspectos:
1º. O estudo da edificación existente.
2º. O estudo das dotacións e dos equipamentos.
3º. O estudo dos espazos libres, de carácter público e privado.
4º.A análise da poboación residente.
5º. A análise das actividades económicas.
6º. O estudo do comercio de proximidade.
d) A proposta de intervención.
e) A memoria de viabilidade económica.
f) A análise da eventual eficacia das medidas propostas.
g) O programa de seguimento e de avaliación anual das actuacións.
h) Os mecanismos para fomentar a participación social da poboación e das súas entidades representativas.
Tramitación
A tramitación do plan de dinamización axustarase ao seguinte procedemento:
a) O concello elaborará o proxecto do plan de dinamización.
b) O IGVS unha vez recibida a documentación, remitirá os documentos os distintos departamentos da Xunta de Galicia afectados polo plan para a emisión do informe no prazo de un mes.
c) Recibidos os informes, o IGVS propoñerá ao concello, de ser o caso, as correccións que se deberán introducir no documento.
d) Despois disto, o plan será sometido á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, a proposta da consellería competente en materia de vivenda.
e) O acordo publicarase no DOG e na páxina web do IGVS.