A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou un inmoble rehabilitado con estas achegas en Pantón e fixo entrega dunha das vivendas a unha veciña que a desfrutará en alugueiro
A Xunta impulsa a rehabilitación dun inmoble que albergará catro novas vivendas en alugueiro accesible en Pantón
A conselleira destaca a aposta do Concello de Pantón por recuperar vivendas a través do programa da Xunta para a rehabilitación de edificios de titularidade municipal
Allegue subliña que estas axudas amplíanse aos concellos de 30.000 habitantes e que a Xunta destina a esta liña 1,8M€ ata o ano 2026
Os concellos poden solicitar estas achegas ata o 3 de xuño ou ata esgotamento do crédito
- Compartir
Pantón (Lugo), 7 de marzo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou en Pantón un inmoble renovado coas axudas para rehabilitación de edificacións municipais e fixo entrega dunha destas vivendas a unha veciña que a desfrutará en réxime de alugueiro. M. Allegue destacou que con estas achegas “non só creamos novos fogares, novas vivendas públicas, senón que tamén axudamos a asentar poboación nos concellos de menos de 30.000 habitantes”.
A conselleira subliñou que a nova convocatoria destas achegas busca ampliar o apoio aos concellos para impulsar estas actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres. Deste xeito, as axudas esténdense agora aos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000. O prazo remata o 3 de xuño ou ata o esgotamento do crédito.
As axudas autonómicas poden acadar ata o 95% do orzamento das obras, sen superar os 50.000€ por vivenda rehabilitada, cantidade que ascende a 55.000 no caso de que se atopen nun ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra, como no caso de Pantón, e a 57.000 se a vivenda está nunha área Rexurbe.
Allegue lembrou que o pasado ano foron 27 as vivendas públicas destinadas ao alugueiro grazas a estas axudas, “e contamos que o número sega a crecer con esta convocatoria 2025”.