A Xunta autoriza a transformación de 18 locais da súa propiedade en vivendas de promoción pública nos concellos de Narón, Ourense e Pontevedra
Rueda salienta que “é a primeira vez” que a Xunta autoriza unha conversión deste tipo en locais da súa propiedade, o que permite avanzar no compromiso de “duplicar” o parque público residencial esta lexislatura
Enmárcase no decreto aprobado en 2023 que facilita dar unha nova vida a baixos comerciais sen modificar o PXOM sempre que cumpran as normas de habitabilidade e estean en edificios residenciais
No municipio de Narón trátase de impulsar a execución de 12 vivendas protexidas na primeira planta dun edificio situado na rúa Ponte Pielas, en Freixeiro
Na cidade de Ourense proponse a redacción do proxecto para executar dúas vivendas nos locais C1 e B2 da rúa Rafael Dieste (1 á 11)
En Pontevedra trátase de construír catro vivendas de promoción pública nos locais situados nos bloques 1 e 3 da parcela 13 de Valdecorvos
- Compartir
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu o visto e prace á licitación dos contratos de redacción dos proxectos para transformar 18 locais en vivendas de promoción pública nos concellos de Narón, Ourense e Pontevedra. “É a primeira vez que a Xunta inicia os trámites para converter locais da súa propiedade en inmobles protexidos”, resaltou o presidente que asegurou que se trata de espazos “que levan moito tempo desocupados”.
Esta medida enmárcase no obxetivo do Executivo de “duplicar” o parque público residencial nesta lexislatura “ao pasar de 4.000 a 8.000 inmobles” e tómase ao abeiro do decreto aprobado a finais de 2023 que permite que comercios ou baixos que dan a rúa podan ser vivendas sen necesidade de modificar o PXOM sempre que cumpran con varios requisitos. Entre eles, estar en edificios residenciais ou cumprir coas novas de habitabilidade.
A licitación autorizada hoxe no Consello da Xunta suporá un investimento autonómico que rolda os 200.000 euros e inclúe os contratos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para o cambio de uso de locais que se destinarán á construción de máis vivendas de promoción pública nestes tres municipios.
En concreto, no municipio de Narón trátase de impulsar a execución de 12 vivendas protexidas na primeira planta dun edificio existente na rúa Ponte Pielas, en Freixeiro.
Na cidade de Ourense, baixo este contrato proponse a redacción do proxecto para executar dúas vivendas nos locais C1 e B2 da rúa Rafael Dieste (1 á 11).
En Pontevedra, trátase de construír catro vivendas de promoción pública nos locais situados nos bloques 1 e 3 da parcela 13 de Valdecorvos.
A Xunta de Galicia licitará nas vindeiras semanas estes contratos autorizados hoxe polo Executivo autonómico.
O obxectivo da Xunta é contribuír a reforzar a oferta residencial en contornas urbanas, que adoitan concentrar a maior demanda. Con esta nova contratación, o Goberno galego segue impulsando a construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e as súas áreas de influencia, ademais de incrementar o parque de vivenda na comunidade autónoma.