A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe a adxudicación das obras de construción dun edificio de 50 vivendas de promoción pública, por preto de 10,4M€
A Xunta xa ten en marcha as 144 vivendas de promoción pública inicialmente previstas no barrio coruñés de Xuxán
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou que, ademais do edificio adxudicado hoxe, a vindeira semana se licitará a construción dun novo inmoble, con outras 14 vivendas
María Martínez Allegue subliñou o compromiso do Goberno galego para facilitar vivenda digna e asequible á cidadanía, e subliñou que na actualidade están construídas ou en marcha 1.160 vivendas protexidas en Xuxán
No barrio coruñés prevese unha cifra global en torno ás 1.600 vivendas protexidas unha vez estea desenvolvida toda a planificación, incluíndo as executadas e en execución pola Xunta e as construídas por promotores e cooperativas sobre solo adxudicado polo Goberno galego, así como as resultantes da modificación do PXOM que propiciarán 520 vivendas
- Compartir
A Coruña, 17 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia xa ten en marcha o total de 144 Vivendas de Promoción Pública (VPP) inicialmente previstas no barrio coruñés de Xuxán. Hoxe mesmo, adxudicou a construción dun novo edificio de 50 Vivendas de Promoción Pública (VPP), cun investimento de 10,4M€, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, que a vindeira semana tamén se licitará a construción doutro inmoble de 14 vivendas de promoción pública, por 3,1M, que completarán este compromiso.
M. Allegue visitou a parcela onde se levantará este último edificio e reiterou a firme aposta do Goberno galego por facilitar á cidadanía o acceso á vivenda. Aos edificios anunciados hoxe (50 e 14 vivendas), únese o xa entregado a finais do pasado 2023, de 40 vivendas, e o inmoble que se comezou a levantar no mes de xullo e que contará con outras 40, cuxas obras tamén visitou hoxe pola conselleira. O investimento en construción e proxectos para estas 144 VPP en total acada os 28M€, aos que hai que engadir outros 30M€ da adquisición e urbanización de solo.
A cifra de 144 vivendas de promoción pública inclúese no total de 1.160 de vivendas protexidas as que están xa construción ou en desenvolvemento no barrio coruñés, onde unha vez executada toda a planificación prevista, pasará a contar con ao redor de 1.600 vivendas protexidas. “Unha cifra global que é símbolo na Coruña da nosa aposta clara para garantir un fogar accesible e digno a persoas e familias que o demandan e o necesitan”, sinalou a conselleira.
M. Allegue quixo destacar que dentro deste conxunto de 1.600 figuran 256 vivendas protexidas que levantarán dúas cooperativas adxudicatarias das 5 parcelas ofertadas pola Xunta en dereito de superficie por 50 e 60 anos. Ademais, están previstas outras 520 vivendas nas parcelas para as que se solicitou a modificación do PXOM ao Concello e nelas tamén hai previsión de construír vivenda de promoción pública.
A conselleira subliñou o compromiso da Xunta para duplicar nesta lexislatura o número de vivendas públicas ata acadar as 8.000 e facilitar solo residencial para construír 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres. A este último respecto, na área urbana da Coruña dentro desta estratexia prevese facilitar solo para 5.400 vivendas, máis de 4.300 protexidas.
M. Allegue avanzou que no marco desta estratexia, respecto ao desenvolvemento de solo urbanizable, a Xunta ten encargados estudos de viabilidade económica de tres ámbitos, que se desenvolverán en coordinación co Concello da Coruña, e tamén no que atinxe a solo urbano consolidado se están a analizar varios ámbitos “que permitan a construción de máis vivenda protexida”. “Porque esta é a gran demanda da sociedade, vivenda a un prezo accesible”, destacou.
Por outra banda, ao abeiro do Plan Rexurbe o IGVS adquiriu dous inmobles para rehabilitar (nas rúas Santa María e San Andrés) nos que se habilitarán 7 vivendas que se destinarán a alugueiro social.
Características dos edificios
O edificio de 50 vivendas de promoción pública que se adxudicou hoxe conta con baixo e cinco alturas, e terá con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, mentres que no de 14 VPP serán todas de 2 estancias, distribuídas en baixo e dúas plantas.
A previsión no primeiro caso é iniciar as obras xa este ano e no segundo, adxudicalas a principios de 2025, de xeito que no ano 2026, como confirmou a conselleira, estean rematados ambos inmobles.