Rueda anuncia que a Xunta destinará preto de 8 M€ á adquisición de 143 vivendas de promoción pública na comunidade autónoma para destinalas ao alugueiro
O Executivo galego autoriza a compra a particulares de vivendas construídas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e adxudicadas en réxime de compravenda, cuxos propietarios queren agora vendelas
Rueda subliña que das 143 vivendas que se prevén adquirir, “6 están situadas na provincia da Coruña, 103 na de Lugo, 21 na de Ourense, e 13 na de Pontevedra”
Estes inmobles manterán a súa actual cualificación de promoción pública
O Goberno galego está a impulsar a construción ou rehabilitación de máis dun milleiro de vivendas de promoción pública, na procura de cumprir o obxectivo é duplicar o número de vivendas públicas nesta lexislatura, ata as 8.000
- Compartir
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai investir 8 millóns de euros “na adquisición de 143 vivendas e promoción pública que están á venda para destinalas a alugueiro”.
Unha medida que se enmarca no compromiso “de duplicar o parque público residencial nesta lexislatura” para poder facilitar o acceso a vivenda aos galegos, “especialmente aos colectivos máis vulnerables”.
A actuación impulsada polo Goberno galego ten como obxectivo a compra a particulares de vivendas protexidas de promoción pública, que no seu día foron construídas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), adxudicadas en réxime de compravenda, e cuxos propietarios queren agora vendelas.
Das 143 vivendas que se prevén adquirir, e que están repartidas por toda Galicia, “6 están situadas na provincia da Coruña, 103 na de Lugo, 21 na de Ourense, e 13 na de Pontevedra”, segundo explicou Rueda, quen resaltou que a gran maioría son “en concellos pequenos”.
Trátase de inmobles que seguen mantendo a cualificación de vivenda de promoción pública no momento actual, e que foron postas á venda polos seus propietarios a través do procedemento de segundas transmisións regulado pola normativa vixente, que indica que as mesmas se ofrecerán a través da web da entidade dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, o IGVS.
Ao abeiro da normativa vixente, a Xunta de Galicia prevé así adquirir as vivendas de promoción pública que se atopan incluídas no procedemento de segundas transmisións. No caso de que algunhas das vivendas inicialmente previstas non poidan ser adquiridas por algún impedimento rexistral ou doutra índole, o IGVS poderá adquirir outras vivendas que se atopen anunciadas en publicidade permanente polo proceso de segundas e posteriores transmisións.
O prezo de adquisición de cada vivenda é o establecido pola normativa para a venda en segunda transmisión de vivendas de promoción pública. As vivendas que se adquiran seguirán cualificadas como de promoción pública e serán adxudicadas en réxime de alugueiro.
Unha vez autorizada hoxe polo Executivo autonómica este acordo, o IGVS dirixirase aos propietarios para comunicarlles o interese na adquisición da vivenda e solicitar a documentación necesaria.
A Xunta de Galicia mantén como unha das súas prioridades garantir o acceso a unha vivenda digna e adecuada ás persoas e familias con escasos recursos económicos, vulnerables ou en situación de exclusión social, así como facilitar solucións habitacionais a colectivos afectados por procedementos de execucións hipotecarias e lanzamentos derivados da falta de pago das rendas dos contratos de arrendamento.
No compromiso acadado polo Goberno galego de incrementar o número de vivendas que forman o parque público de vivendas, a Xunta de Galicia está a traballar, ademais de nesta adquisición, na construción ou rehabilitación de máis dun milleiro de vivendas de promoción pública. O obxectivo é duplicar o número de vivendas públicas nesta lexislatura, ata acadar as 8.000.