A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo Sánchez, asinou co alcalde o convenio para o financiamento da actuación
A Xunta colabora co Concello de Cortegada na rehabilitación dun inmoble no casco histórico do municipio para destinalo a vivenda pública
O Goberno galego financia a recuperación integral dunha casa en estado de ruína situada na praza Buenos Aires nº 2, cun préstamo de preto de 70.000 euros do Fondo de Cooperación, a través desta liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes
A intervención inclúe refacer o interior da vivenda, creando espazos cómodos e funcionais: comedor e cociña, dous dormitorios e baños
O departamento que dirixe María M. Allegue presta apoio aos municipios con menos poboación para levar a cabo a conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles
- Compartir
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
A Xunta colabora co Concello de Cortegada na rehabilitación dun inmoble no casco histórico do municipio para destinalo a vivenda de promoción pública (VPP).
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo, asinou co alcalde de Cortegada, Avelino Luis De Francisco Martínez, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe que rolda os 70.000 euros do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.
En concreto, o obxectivo do convenio firmado esta mañá en San Caetano é levar a cabo as obras de rehabilitación integral dun inmoble situado na praza Buenos Aires nº 2, hoxe en estado de ruína, para destinalo a vivenda pública. Trátase así de transformar un inmoble abandonado nun fogar en boas condicións de habitabilidade, ao tempo que se recupera e dignifica un edificio tradicional no casco histórico de Cortegada.
A intervención a acometer polo Concello, que suporá un orzamento total de preto de 160.000 euros e permitirá recuperar o edificio mantendo a súa imaxe tradicional, conservando os muros de pedra e a volumetría existente, para que encaixe co resto do casco histórico.
O proxecto inclúe refacer o interior da vivenda, creando espazos cómodos e funcionais: zona de día (estar-comedor e cociña), dous dormitorios e baños, ademais dos espazos de servizo necesarios.
A obra prevista incluirá a substitución da cuberta do inmoble e os elementos deteriorados, mellorando o illamento fronte ao frío, á calor e á choiva; a renovación completa das instalacións (auga, electricidade, saneamento, etc.); así como a mellora da súa a eficiencia enerxética, buscando un menor consumo e un maior confort interior.
Esta intervención desenvolverase grazas á esta iniciativa do Fondo de Cooperación da Xunta, que está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en municipios con poboación máis pequena.
Este préstamo sen xuros, a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€.