A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, selou o acordo con representantes da entidade Abanca
A Xunta asina un acordo de colaboración con entidades bancarias para financiar a promoción de vivenda pública
O convenio, que terá unha vixencia de 4 anos, facilitará tanto a concesión de préstamos para a promoción de fogares públicos, como a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias
- Compartir
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou hoxe un convenio que ten como finalidade establecer as condicións do financiamento da promoción, construción, así como da compra, mediante subrogación, das vivendas protexidas de promoción pública.
Allegue asinou o acordo, que terá unha vixencia de 4 anos, co director de Negocio Institucional de Abanca en Galicia, José Lino Comesaña, en representación desta entidade bancaria adherida.
O documento establece as liñas de colaboración tanto para préstamos para a construción ou promoción de fogares públicos a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) ou do Instituto Galego da Vivenda (IGVS), como a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias, no caso de que os inmobles teñan por obxecto a venda, que contarán sempre con protección permanente.
O convenio enmárcase no cumprimento do obxectivo da Xunta para duplicar nesta lexislatura o parque público residencial con 4.000 novas vivendas. A Administración autonómica xa ten en marcha, en diferentes fases de execución, preto de 3.000.
A liña de colaboración en materia de financiamento foi aprobada no Consello da Xunta do 29 de setembro e o convenio marco publicouse no DOG o 15 de outubro, cando abriu o prazo de solicitudes para que as entidades financeiras puideran adherirse.